O goberno da Laracha proporá ao pleno aplicar unha bonificación do 95% no ICIO a dúas empresas que se instalarán no parque empresarial
O Pleno da Corporación municipal da Laracha reunirase o venres desta semana (día 31 de xullo) nunha sesión ordinaria á que se elevarán os diferentes asuntos que foron sometidos previamente a ditame das Comisións Informativas.
Unha das cuestións máis destacadas será a proposta do goberno local de aplicar bonificacións do 95% no imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) a dúas empresas que teñen proxectada a construción de sendas naves industriais no ámbito do parque empresarial da Laracha.
Unha das empresas ten por actividade o sector da automoción e xa ten concedida a correspondente licenza de obra. A outra sociedade á que se lle aplicará a bonificación fiscal dedícase á alimentación e a licenza outorgarase nos próximos días.
O Concello da Laracha contempla na súa ordenanza fiscal número 17 esta importante bonificación (que alcanza a porcentaxe máxima permitida por lei) para construcións que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal, neste caso polo fomento do emprego.
Festival locais 2016
Tal e como é habitual no Concello da Laracha, o grupo de goberno proporá á Corporación fixar como festivos locais do próximo ano 2016 o martes de Entroido (9 de febreiro) e o Día dos Milagres de Caión (8 de setembro).
O martes de Entroido é unha data de especial relevancia e tradición no noso municipio, na que o Concello da Laracha organiza e desenvolve programas de actividades dirixidos a todos os públicos e que cada ano contan coa participación de centos de persoas.
O 8 de setembro (xoves) é un dos días grandes do Concello por ser a data de celebración popular máis importante e concorrida do ano, como é a Romaría dos Milagres de Caión, festa que conta co recoñecemento de Interese Turístico de Galicia.
Exencións no imposto de vehículos de tracción mecánica
O Pleno tamén votará a proposta de modificación da ordenanza fiscal municipal número 16 reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica. O cambio na redacción da normativa implicará que queden exentos deste gravame municipal as persoas que sexan pensionistas da Seguridade Social e teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e tamén as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
Estes colectivos sumaranse na exención do imposto de vehículos ás persoas que teñen recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, os que ata agora eran os únicos beneficiarios que contemplaba a citada ordenanza fiscal.











