O GAC do Seo de Fisterra – Ría de Muros-Noia executou 55 proxectos no período 2007-2013
Nunha xornada organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar baixo o lema “Vivir do Mar, Tecer o Futuro”, o GAC 4: Seo de Fisterra – Ría de Muros-Noia fixo balance dos proxectos executados entre 2007 e 2013, e falou dos seus retos de cara ao período 2014/2020. Na xornada tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. O encontro celebrouse esta tarde na Escola Náutica Deportiva O Freixo de Outes, cuxa construción foi subvencionada cun proxecto do GAC.
No anterior período a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou nos territorios costeiros do Seo de Fisterra e a Ría de Muros-Noia un total de 55 proxectos dos GAC por valor de 4.614.110,08 millóns de euros, cunha porcentaxe de execución situada no 76% e que se destinou a apoiar proxectos relacionados cos produtos do mar, o turismo, a hostalaría e a recuperación do patrimonio.
Estes fondos e os esforzos centrados na diversificación económica permitiron mellorar as taxas de crecemento económico e o emprego destas zonas, contribuíndo a aumentar a capacidade de elección das persoas do sector á hora de buscar novas fontes de ingresos, promovendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a conservación do patrimonio natural, cultural e histórico destas zonas. Na xornada presentáronse algunhas das experiencias locais que cumpriron con éxito estes obxectivos:
– Nasas Meramar. Taller de reparación e fabricación de redes e artes de pesca situado no porto de Lira, Carnota.
– Hotel Alén do Mar. Pequeno hotel con encanto situado ao pé da praia da Langosteira, a un paso de Finisterre.
– Cetárea Salabardo. Proxecto integral de depuración de mariscos, cetárea, almacenaxe e tenda on line, situado en Corcubión. Traballan baixo a marca MercaMaris e garanten a entrega a domicilio dos seus produtos a toda España en 24 horas a partir da súa pesca artesanal ou compra en lonxa.
– Procesados Pesqueros Portosín. Servizos portuarios no peirao de Portosín, para o procesamento do peixe desde que chega ao porto a bordo dos buques ata o momento de iniciar o seu transporte cara os diferentes puntos de destino: carga e descarga, manipulación, paletización, almacenaxe, etiquetado, etc.
Esta xornada forma parte dunha serie de encontros que se están levando a cabo en todos os GAC de Galicia durante o mes de xullo e que culminarán cun encontro final na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, no que participarán membros de todos os Grupos de Acción Costeira galegos. Esta xornada final, que se celebrará no outono, servirá para presentar as conclusións destas xornadas previas celebradas en cada GAC, debatelas e intercambiar experiencias e impresións de cara a trazar liñas e proxectos conxuntos entre os distintos territorios costeiros.











