O GAC da Ría de Vigo – A Guarda executou 55 proxectos no período 2007-2013 por máis de 1,3 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Nunha xornada organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar baixo o lema “Vivir do Mar, Tecer o Futuro”, o GAC 7: Ría de Vigo – A Guarda fixo balance dos proxectos executados entre 2007 e 2013, e falou dos seus retos de cara ao período 2014/2020. Na xornada tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. O encontro celebrouse esta tarde no Centro de Interpretación do Patrimonio Histórico e Cultural de Rande, coñecido como Museo de Meirande, en Redondela, cuxo proxecto arquitectónico foi subvencionado desde o GAC.

No anterior período, a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou nos territorios costeiros da Ría de Vigo – A Guarda un total de 55 proxectos dos GAC por valor de 1.334.417,08 millóns de euros, destinados a apoiar proxectos relacionados cos produtos do mar, o turismo, a hostalaría e a recuperación do patrimonio. O Grupo de Acción Costeira da Ría de Vigo acaba de presentar a súa candidatura para o vindeiro período.

Estes fondos e os esforzos centrados na diversificación económica permitiron mellorar as taxas de crecemento económico e o emprego destas zonas, contribuíndo a aumentar a capacidade de elección das persoas do sector á hora de buscar novas fontes de ingresos, promovendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a conservación do patrimonio natural, cultural e histórico destas zonas. Na xornada presentáronse algunhas das experiencias locais que cumpriron con éxito estes obxectivos:

– Oucas Baiona. Con este proxecto o Concello de Baiona utiliza as algas como dinamizador económico da vila, potenciando un recurso non moi explotado na actualidade e que pode implicar a sectores estratéxicos como a pesca, a hostalaría, o turismo ou a industria transformadora; ademais de catalogar e valorizar o patrimonio natural das costas.

– Tesouros Vivos do Mar en Baiona. Recollida e divulgación dos saberes daquelas persoas e grupos vinculados ao traballo do mar que poidan considerarse ‘tesouros vivos’ do concello da Guarda.

– Mar de Silleiro. Elaboración de conservas e patés de percebe aproveitando os exemplares de menor tamaño para venda en tendas delicatessen

– O Mar para todos.nova venta Iniciativa conxunta de dúas empresas para dar servizos como cafetería, restaurante e lavandería no porto de Moaña ao sector náutico e turístico. Ademais, oferta formación, actividades de ocio náutico e limpeza de embarcacions.

Esta xornada forma parte dunha serie de encontros que se están levando a cabo en todos os GAC de Galicia durante o mes de xullo e que culminarán cun encontro final na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, no que participarán membros de todos os Grupos de Acción Costeira galegos. Este encontro final, que se celebrará no outono, servirá para presentar as conclusións destas xornadas previas celebradas en cada GAC, debatelas e intercambiar experiencias e impresións de cara a trazar liñas e proxectos conxuntos entre os distintos territorios costeiros.

28 de xullo de 2015 | 20:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.