O GAC da Ría de Pontevedra executou 37 proxectos no período 2007-2013 por valor de máis de 1 millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Nunha xornada organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar baixo o lema “Vivir do Mar, Tecer o Futuro”, o GAC 6: Ría de Pontevedra fixo balance dos proxectos executados entre 2007 e 2013, e falou dos seus retos de cara ao período 2014-2020. Na xornada tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. O encontro celebrouse esta tarde no Centro Cultural Casa Mariñeira Don Fernando de Portonovo, cuxa rehabilitación foi subvencionada cun proxecto do GAC.

No anterior período, a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou nos territorios costeiros da Ría de Pontevedra un total de 37 proxectos dos GAC por valor de 1.055.160,25 millóns de euros destinados a apoiar proxectos relacionados cos produtos do mar, o turismo, a hostalaría e a recuperación do patrimonio. O Grupo de Acción Costeira da Ría de Pontevedra acaba de presentar a súa candidatura para o vindeiro período.

Estes fondos e os esforzos centrados na diversificación económica permitiron mellorar as taxas de crecemento económico e o emprego destas zonas, contribuíndo a aumentar a capacidade de elección das persoas do sector á hora de buscar novas fontes de ingresos, promovendo a igualdade de oportunidades entre sexos e a conservación do patrimonio natural, cultural e histórico destas zonas. Na xornada presentáronse algunhas das experiencias locais que cumpriron con éxito estes obxectivos:

– Tapería Tito Mexillón en Poio: diversificación da actividade de cultivo de mexillón que vén desenvolvendo a promotora dende hai anos coa creación dun restaurante situado na antiga ‘Casa do Correo’ na primeira liña de praia de Poio. Foi rehabilitado con vigas de batea e oferta como produto principal o mexillón da zona, ademais de promover o coñecemento do produto e a súa preparación.

– Puntos de Control de Raxó e da Seca: o punto de control de Raxó é un proxecto pioneiro en Galicia que consiste nun remolque que pode trasladarse ás distintas zonas de marisqueo. Xunto cos pavillóns da Seca, mellorou considerablemente as condicións laborais das mariscadoras que dispoñen así dun local para pesar e procesar o marisco, baño, vestiarios e espazo de reunión.

– Escola de Verán en Marín: campamentos de verán para nenos e nenas nos que se ofrecen obradoiros e actividades relacionadas coa actividade pesqueira, dando a coñecer os oficios tradicionais do mar, os produtos e o patrimonio cultural e natural da ría pontevedresa e da súa contorna.

Esta xornada forma parte dunha serie de encontros que se están levando a cabo en todos os GAC de Galicia durante o mes de xullo e que culminarán cun encontro final na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, no que participarán membros de todos os Grupos de Acción Costeira galegos. Este encontro final, que se celebrará no outono, servirá para presentar as conclusións destas xornadas previas celebradas en cada GAC, debatelas e intercambiar experiencias e impresións de cara a trazar liñas e proxectos conxuntos entre os distintos territorios costeiros.

23 de xullo de 2015 | 20:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.