O GAC da Ría de Arousa executou 37 proxectos no período 2007-2013 por valor de máis de 2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Nunha xornada organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar baixo o lema “Vivir do Mar, Tecer o Futuro”, o GAC 5: Ría de Arousa fixo balance dos proxectos executados entre 2007 e 2013, e falou dos seus retos de cara ao período 2014/2020. Na xornada tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. O encontro celebrouse esta tarde no Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados, cuxa adaptación foi subvencionada cun proxecto do GAC.

No anterior período a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou nos territorios costeiros da Ría de Arousa un total de 37 proxectos dos GAC por valor de máis de 2 millóns de euros, cunha porcentaxe de execución de arredor do 90%, e que se destinou a apoiar proxectos relacionados cos produtos do mar, o turismo, a hostalaría e a recuperación do patrimonio.

Estes fondos e os esforzos centrados na diversificación económica permitiron mellorar as taxas de crecemento económico e o emprego destas zonas, contribuíndo a aumentar a capacidade de elección das persoas do sector á hora de buscar novas fontes de ingresos, promovendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a conservación do patrimonio natural, cultural e histórico destas zonas. Na xornada presentáronse algunhas das experiencias locais que cumpriron con éxito estes obxectivos:

– Diversificación de actividades ao redor da cetaria de Corrubedo: A partir dun proxecto de diversificación da cetárea de Corrubedo, Benboa está construíndo unha experiencia integral que conxuga a gastronomía tradicional galega coa innovación e a posta en valor dos noso patrimonio natural. http://www.benboa.com/

– Confraría de Pescadores de Rianxo. Presentou tres proxectos de divulgación da cultura, patrimonio e gastronomía mariñeira: Rianxo Divulga, Ecomar e Ardentía.

– Creación dun prototipo de embarcación tradicional pesqueira tipo racú por Asteleiros Triñanes. Este proxecto subvencionou a creación do prototipo co obxectivo de ofrecerlle á xente do mar a posibilidade de diversificar actividades a través da creación de empresas de turismo náutico utilizando embarcacións tradicionais. http://asteleirostrinanes.com/project/racu/

– Piragüilla. Ocio e Aventura. Unha empresa na que participa unha mariscadora que creou rutas turísticas en Kayak desde a Illa de Arousa como alternativa de turismo activo nun medio natural. http://www.piraguilla.com/

Esta xornada forma parte dunha serie de encontros que se están levando a cabo en todos os GAC de Galicia durante o mes de xullo e que culminarán cun encontro final na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, no que participarán membros de todos os Grupos de Acción Costeira galegos. Esta xornada final, que se celebrará no outono, servirá para presentar as conclusións destas xornadas previas celebradas en cada GAC, debatelas e intercambiar experiencias e impresións de cara a trazar liñas e proxectos conxuntos entre os distintos territorios costeiros.

21 de xullo de 2015 | 20:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.