O gabinete de Crespo cooperou nas campañas electorais do PP de Silleda e Agolada en 2011
O gabinete de José Crespo tamén empregou recursos públicos do municipio de Lalín para colaborar e prestar apoio na campaña do Partido Popular de Silleda nas municipais do ano 2011. A documentación achada no Concello confirma que persoal de confianza do ex alcalde participou na comunicación e deseño de actos electorais, non só en Lalín senón en diferentes municipios da comarca do Deza.
Entre os arquivos atopados -correspondentes ao ano 2011- existe unha carpeta chamada ‘Material campaña’, que ademais de albergar documentos electorais do PP de Lalín tamén contén outra co título ‘Silleda’. Alí atópase diverso material empregado para realizar carteis e trípticos electorais -xunto coas instrucións para a súa impresión- convocatorias e notas de prensa co logotipo do Partido Popular, guións e invitacións a mitins, o borrador do programa electoral ou unha carta do candidato José Carlos Pin pedindo o voto para o PP.
Tamén neste caso existe un cronograma de campaña no que se asignan tarefas concretas a persoal do gabinete do ex alcalde de Lalín.A meirande parte dos documentos achados corresponden ao ano 2011, no que houbo dúas convocatorias electorais, pero nos ordenadores propiedade do Concello tamén se atopou unha nota de prensa do PP de Silleda datada o 5 de abril do ano 2013, e un discurso político elaborado para un dos membros da candidatura do Partido Popular de Agolada.
Tal e como acontecía nos documentos correspondentes ao PP de Lalín, tamén neste caso as propiedades informáticas sinalan que a autoría de moitos dos arquivos pertence ao Concello de Lalín e, en concreto, a persoal de confianza de Crespo.
Tras esta nova análise dos documentos, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, apunta que queda “máis de demostrado que Crespo instrumentalizou o Concello para obter beneficios electorais non só en Lalín, senón noutros municipios da comarca”. “Non pode ser”, reitera Casares, “que o ex alcalde pretenda facernos pasar por normal a presenza de centos de documentos electorais do Partido Popular no sistema informático do Concello, e menos cando corresponden a outras localidades”.
Casares afirma ademais que “a gravidade dos feitos aumenta tras esta nova revelación, xa que se estaban a empregar recursos pagados por todos os lalinenses con fins partidistas en Silleda e Agolada”. “Despois disto”, conclúe, “non acerto a imaxinar que máis pode aparecer nos servidores do Concello”.











