O folk convértese en atractivo turístico no 31 Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou esta mañá na presentación do 31 Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, co que o Executivo autonómico colabora a través de Turismo de Galicia. Na súa intervención, destacou a súa relevancia a prol da posta en valor da música folk galega en todo o mundo. Segundo indicou, esta cita anual, que se desenvolverá entre o 16 e o 19 de xullo, “tense consolidado como un dos mellores eventos deste categoría a nivel internacional”.
No acto, no que estivo acompañada polo alcalde da vila, Juan Penabad, e polos representantes dos principais patrocinadores –Gadisa e Estrella Galicia-, Do Campo salientou que “o inmellorable cartel desta edición permitirá que miles de persoas se congreguen durante catro días na praia de Morouzos para converter a capital da comarca do Ortegal no epicentro das músicas de raíz”. Deste xeito, a delegada territorial felicitou tanto ao Concello de Ortigueira como aos numerosos patrocinadores do festival, “por confiar unha vez máis nos valores que nos unen como pobo”. Apuntou, ademais, que “Ortigueira ten gañado a pulso a súa condición de punto de encontro, un crisol de culturas conformado por xentes de todas as idades, cores e falas cun único obxectivo: bailar ao son da linguaxe internacional da música”.
Neste senso, a representante autonómica recordou que o evento conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional desde 2005 e que o pasado decembro recibiu o Premio da Cultura Galega -na categoría de música-, poñendo en valor a súa traxectoria e a calidade do traballo a favor do desenvolvemento cultural e da música.
A máxima representante do Goberno galego na provincia explicou que o encontro, “non é só música, senón que concentra experiencias que unicamente se poden vivir neste xeodestino”. Na mesma liña, Do Campo incidiu no potencial desta cita para a promoción de todo o xeodestino Rías Altas-Ferrolterra. “Trátase dun revulsivo para unha das zonas máis fermosas de Galicia, pois o ano pasado participaron 70.000 persoas e a proxección internacional do evento increméntase cada ano”, comentou. Así mesmo, indicou que o festival é un evento gratuíto que constitúe a escusa perfecta para achegarse a un territorio que alberga singularidades como ser o punto máis setentrional da Península Ibérica, contar cunha ría visitada cada ano por miles de aves migratorias e ser o emprazamento da serra da Capelada, do santuario de Santo André de Teixido ou do pintoresco barrio do Ponto en Ortigueira.
Neste sentido, sinalou que unha nova iniciativa para coñecer este singular territorio é o tren da Ruta dos Faros, posta en funcionamento en colaboración con Renfe. “Tanto o festival como o tren turístico son dúas boas propostas para achegarse este verán a Galicia e vivir novas experiencias a través da música e a natureza no norte”, indicou.
ARTISTAS
O festival, de carácter gratuíto, contará con grandes artistas do folk internacional que compartirán escenario coas novas promesas que competirán por alzarse co galardón Runas 2015. Nesta edición, cinco serán as bandas por facerse co premio.
Nesta 31 edición do evento musical, declarado de Interese Turístico Internacional, subiranse ao escenario artistas da talla de Budiño, Cristina Pato, Sharon Shannon, Xabi Aburruzaga, Finnegan-McSherry Project ou Capercillie.
Así mesmo, realizarase un desfile de Bandas de Gaitas que contará coa presenza dos franceses Bagad Beuzeg, os escoceses The Vale e a Escola de Gaitas de Ortigueira, entre outras.