O fisioterapeuta do Rio Natura Monbus Obradoiro a polo campionato europeo coa Selección Española U16

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Tomás Richartz incorporarase o vindeiro luns á concentración da Selección Española U16, coa que viaxará para disputar o campionato europeo desde o 6 de agosto ao 18 en Kaunas (Lituania). Para o fisioterapeuta do Rio Natura Monbus Obradoiro, non é nin moito menos, a primeira experiencia cos combinados nacionais, nos que xa probou diferentes categorías: “Non me considero aínda un veterano pero si é certo que este é o meu cuarto ano participando coas seleccións FEB”.

O santiagués xa coñece a parte do corpo técnico e xogadores que o acompañarán nesta nova experiencia, “algúns doutras concentracións, pero ademais o pasado Nadal tiveron unha toma de contacto en Valladolid”. Agora tamén aproveitarán os doce días previos ao europeo para coñecerse mellor e disputar o Festival Olímpico da Mocidade en Xeorxia a modo de previa.

Os rivais de grupo neste campionato europeo serán Israel, Grecia, e a anfitrioa Lituania, “todos moi fortes e aos que debemos respectar moito. Calquera deles merece o título de favorito”, explica o fisio. E é que, á marxe de títulos, “o noso obxectivo é que os xogadores sigan formándose e desenvolvéndose adecuadamente como tales. O noso teito verémolo no día a día”. 

Con respecto ao seu traballo específico, aclara, “aos labores habituais dun fisioterapeuta, moi parecidos aos da tempada aínda que destacando aquí máis si cabe a de prevención de lesións, hai que sumarlle que estamos a falar de quince xogadores adolescentes, polo que entre todos deberemos marcar tamén unha parte de traballo psicolóxico e de coidado”.

Tomás, que afronta esta experiencia “con moitas ganas e moi agradecido de poder vivila”, ten palabras de agradecemento tamén para os demais membros do corpo técnico do Rio Natura Monbus Obradoiro: “Se eu estou aquí, ou o meu compañeiro Óscar Viana de preparador físico coa U20, é polo traballo que durante a tempada fixemos todos xuntos axudándonos os uns aos outros para progresar”.

 

8 de xullo de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.