O equipo nacional de Seúl realizará unha exhibición na Praza do Obradoiro no Día de Galicia
O equipo nacional de Seúl participará na celebración do Día de Galicia cunha gran exhibición na Praza do Obradoiro (día 25 de xullo, ás 18:00 horas). Será unha oportunidade única para gozar do noso deporte contemplando a un dos mellores equipos do mundo nun entorno incomparable. Ademais, os técnicos de Corea ofrecerán un curso de técnica e exhibición o domingo 26 en Bergondo (A Coruña).
A actividade do equipo de Seúl por Galicia comezará o día 25 cunha gran exhibición na Praza do Obradoiro, coma un dos actos organizados para conmemorar o Día do Apóstolo. Será unha actuación aberta ao público que poderá gozar coas acrobacias case imposibles que realizarán sobre o tapiz. Hai que recordar que o club de Seul foi campión do mundo de taekwondo hanmadang (poomsae, exhibición e taekwondo aerobic) e participa habitualmente en exhibicións por todo o mundo.
O domingo 26 de xullo os técnicos de Seúl impartirán no Polideportivo de Guisamo (Bergondo) o Curso de Técnica e Exhibición, no que están inscritas case cen persoas. O curso de técnica celebrarase pola mañá (de 11.00 a 13.00 horas) e o de exhibición a partir das 15.00 horas. Ademais o equipo coreano realizará unha exhibición a partir das 17.30 horas a porta pechada (custe de asistencia á exhibición, 5 euros).











