O Encontro Galego de Saxofón contará con preto de 40 alumnos e seis profesores de prestixio internacional

Presentación do Encontro Galego de Saxofón
Preto de 40 alumnos e alumnas participarán este ano na décimo primeira edición do Encontro Galego de Saxofón, que se celebrará do 18 ao 23 de xullo na capital de Galicia. Organizado pola Asociación Sax Factory – Factoría Galega do Saxofón, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o encontro terá lugar na sede do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, onde foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo presidente de Sax Factory, José Fungueiriño; e pola xefa de estudos do conservatorio, Zeltia Labraña.
Na súa intervención, o secretario xeral destacou do encontro a súa contribución ao enriquecemento tanto da actividade que vén desenvolvendo o propio conservatorio como das ensinanzas musicais máis actuais e innovadoras, ao se presentar como unha formación específica para saxofonistas e estudantes de saxofón interesados en afondar na técnica deste instrumento. Tamén puxo en valor a alta calidade e nivel do proxecto, sobre o que recordou o seu nacemento no ano 2005 en Merza, no concello de Vila de Cruces, “un dos epicentros de Galicia desde o punto de vista da formación musical”.
Rapaces e rapazas de entre 9 e 27 anos procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, así como tamén de Asturias, Navarra, País Vasco, Valencia, Sevilla e Francia, compartirán este encontro con seis profesores e profesoras de recoñecido prestixio internacional. Marie Bernadette Charrier, Hilomi Sakaguchi, Quino Sáez, Rodrigo Vila, Yuko Mizutani e o santiagués Xabier Casal serán os encargados de impartir as clases maxistrais do novo encontro, que, xunto coa parte lectiva, tamén ofrecerá dúas actuacións, nas que participarán tanto o profesorado como o alumnado.
Concertos co alumnado e o profesorado
O vindeiro domingo 19 de xullo, os profesores e profesoras do encontro ofrecerán unha actuación pública no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ás 19:30 horas, mentres que o concerto de clausura da iniciativa, no que participarán todos os alumnos e as alumnas, terá lugar o próximo xoves día 23.
Reforzar a formación específica para saxofonistas e estudantes de saxofón desde o traballo da técnica do instrumento e mais do repertorio dos máis variados estilos axustado ás súas necesidades específicas é o principal obxectivo deste encontro, que está dirixido a estudantes de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia e doutros conservatorios tanto nacionais como internacionais; de grao profesional, elemental e escolas de Múscia da de Galicia e do resto do Estado, así como para profesionais e músicos en xeral.
Experiencias musicais para a convivencia e a formación
No marco da realización de experiencias formativas e de convivencia arredor da música, o secretario xeral recordou que a Consellería de Cultura e Educación promove e apoia diversos proxectos. É o caso do Festival Hércules Brass, que vén programando unha oferta de clases maxistrais e concertos de música de cámara; da iniciativa ‘No bico un cantar’, en colaboración co Consello da Cultura Galega e protagonizado por nenos e nenas estudantes de conservatorios e centros oficiais de ensino musical de Galicia para a recuperación da memoria musical; ou de San Simón Fiddle, un campamento organizado pola Asociación Galicia Fiddle que ten como obxectivo aprender dun xeito lúdico e divertido a potenciar o emprego de instrumentos de corda dentro da música tradicional galega.











