O DOG publica a licitación das obras de mellora do firme en tres estradas da provincia da Coruña por 540.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as actuacións de mellora do firme das estradas AC-400, AC-430 e AC-432, enmarcadas dentro da rede Primaria Complementaria da Xunta de Galicia, por un importe que se achega aos 540.000 euros. 

Con esta licitación, a Xunta de Galicia pretende mellorar o estado de conservación e as características funcionais nos treitos de actuación, para a consecución dunha maior comodidade e seguridade para os cidadáns. Os traballos desenvolveranse en varios treitos das estradas autonómicas Sigrás (N-550) – Muros (AC-400), Baio (AC-552) – As Grelas (AC-429) e Vimianzo (AC-552) – Camariñas.

As obras consistirán no fresado puntual e reposición da capa de rodadura naqueles tramos que estean deformados ou que presenten un grado de fisuración significativo e naqueles que unicamente precisen mellorar as características superficiais.

Estes traballos complementaranse coa reposición da sinalización horizontal e a colocación de captafaros reflectantes para a mellor percepción da calzada pola noite.

As obras contarán cun prazo de execución de seis meses e mellorarán as condicións de comodidade e seguridade da circulación, da que se beneficiarán máis de 38.500 habitantes dos Concellos de Camariñas, Tordoia, Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

Conservación de estradas

Estas tarefas constatan o traballo que está desenvolvendo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a conservación das estradas con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, ás que se destinará un investimento superior aos 24 millóns de euros neste ano, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias coma a que se licita no día de hoxe.

A Axencia Galega de Infraestruturas licita hoxe ademais outro contrato de obra para a rehabilitación do firme da estradas coruñesa AC-234, que conta cun orzamento de 550.000 euros, que se suma aos dous contratos para a rehabilitación extraordinaria de firmes desta provincia licitados no pasado mes de abril, que contan cun orzamento superior a un millón de euros.

3 de xullo de 2015 | 12:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.