publicidade hoxe

O Curso Traballando en lingua visita Carballo coa arela de fortalecer a lingua e á xente que traballa a prol dela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Curso de Verán sobre Normalización Lingúística cumpre once anos de traballo a prol do idioma, e tamén oito anos consecutivos desenvolvéndose en Carballo, xa que, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, “estamos sempre preocupados pola realidade presente e futura do noso idioma”. Arrincou hoxe, mércores 8 de xullo, nun auditorio do Fórum Carballo no que estaban presentes, ademais do Alcalde e alumnado, representantes de todos os organismos que fan posible a celebración desta cita: Xosé Luís Armesto, Reitor da Universidade da Coruña (UDC); Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística; Marisol Ríos, responsable do Servizo de Normalización Lingüística da UDC; e Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores da Lingua Galega (CTNL) e normalizador do Concello de Carballo. Todos eles fixeron fincapé na importancia de celebrar un curso coma este nun momento no que, segundo apuntou Armesto, “por primeira vez na historia menos do 50 por cento da poboación é monolingüe en galego”, e no que as cifras de galegofalantes entre os menores de 14 anos que apunta o Instituto Galego de Estatística son alarmantes. Por iso, o Reitor da UDC fai un chamamento ao “rearme moral para reverter o actual estado das cousas” con citas como este curso, que, salienta Nel Vidal, servirá para “fortalecer a lingua, pero tamén a nós para traballar con máis gañas e entusiasmo” e “facernos fortes fronte as adversidades”. Unha proba diso é a marcha do proxecto Apego, nacido na anterior edición do curso e na actualidade implantado en doce concellos.

Así, para Nel Vidal, outro dos obxectivos do curso é o de que “que nazan ideas, proxectos e ilusións para mellorarmos a lingua”, e, no caso desta edición, nomeadamente “no contexto da mocidade”. Precisamente Valentín García quixo subliñar que “os datos revelan que onde máis se precisa a nosa intervención é precisamente na mocidade”, unha etapa da vida “na que non é fácil intervir”. Para combater as eivas existentes, Armesto, como Reitor, propón “formular unha correcta diagnose que combine realismo e ambición transformadora” xa que “a nosa lingua ten que seguir sendo o primeiro signo da nosa identidade como país”. O Alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado de pechar o acto de apertura do curso, que cre que ten “un programa tremendamente atractivo” e que ten derivado outros anos “nun proxecto fermosísimo como é o de Apego”. Espera que esta edición do curso consiga que se reflexione e que se elaboren “estratexias compartidas polo conxunto da sociedade galega”, porque “neste país, o idioma que nos identifica como tal é o idioma galego”. Así mesmo, quixo agradecer a todos os membros da organización que “sigan apostando por Carballo” para acoller Traballando en lingua e rematou dando a benvida ás “persoas doutras terras que nos visitan”, que espera que pasen unha boa estadía na vila.

Logo das benvidas institucionais, o curso arrincou da man de Tina Formoso, que falou, como profesora e sociolingüista sobre “O imaxinario social do galego na mocidade”, apoiándose de interesantes vídeos de mozos e mozas expresando as súas sensacións sobre o galego e a súa crianza no idioma. Tirou interesantes conclusións respecto de moitos dos prexuízos que os mozos e mozas gardan respecto do galego, como que é unha lingua “rural” ou que é unha lingua “dos nacionalistas”, ofrecendo claves para mellorar a súa percepción. Pechou a mañá Ferran Suay, Doutor en Psicoloxía da Universitat de València, que reflexionou sobre “Que hai detrás das mudanzas de lingua na xente moza?”. E de hoxe ata o venres haberá moitos máis relatorios, pero tamén sesións prácticas para seguir afondando no tema, incluíndo unha ruta guiada de arte urbana por diversos murais do proxecto Derrubando muros con pintura o xoves 9 a partir das 18.30 horas.

8 de xullo de 2015 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.