O curso de verán “Novas fornteiras na igualdade de oportunidades 2.0” empeza mañá con 56 matriculados
Mañá ás 09.30 horas inaugúrase no Salón Teatro do Auditorio Municipal a XI edición do curso de verán “Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0”, que este ano leva o epígrafe “Violencias, Coeducación e Axentes de Socialización”. O cursiño está organizado pola Oficina de Igualdade en colaboración co Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, (ICE-USC).
Este ano conta con 56 persoas matriculadas, de Galicia e de Asturias, sendo 48 as mulleres que asistirán, por 8 homes que formalizaron a matrícula. Un 28% das persoas matriculadas xa participaron en unha ou varias edicións anteriores, feito que está relacionado cos bos resultados da avaliación dos cursos e coa conveniencia da temática. O perfil dos inscritos é moi diverso en idades e participan tanto estudantes coma profesionais de moi diferentes disciplinas.
De todos os xeitos, a entrada é totalmente libre e serán moitas máis as persoas que poderán asistir durante os vindeiros 4 días a este espazo dedicado á coeducación, para conversar, aprender e compartir experiencias sobre igualdade. Haberá, en total, 15 conferencias que impartirán expertos e expertas de gran prestixio, chegados dende diferentes universidades do Estado.
No acto de inauguración intervirá o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña; María Dolores Álvarez, vicerreitora de Estudantado, Cultura e Responsabilidade Social da USC; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta; José Manuel Rey Varela, presidente da FEGAMP; Ramón Quiroga Limia, secretario xeral da AGASP, e Eduardo Rejo Portela, director da Unión Provincial CSIF-Pontevedra.
Dende o departamento de Igualdade do Concello, agárdase atender á necesidade de cualificar profesionalmente ás e aos estudantes, docentes e outros e outras profesionais en cuestións de xénero, co obxectivo de incorporar esta perspectiva na súa práctica cotiá, a través da reflexión sobre os distintos axentes de socialización e os diferentes procesos que promoven e provocan violencia.
Así mesmo, invítase a toda a cidadanía de Lalín a participar como ouvintes neste curso no que poderán obter pautas socio-educativas de mellora a nivel persoal, familiar e comunitario.











