O CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais e o Restaurante Quercus organizan unha xornada de coctelería e maridaxe o 23 de xullo
O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e o Restaurante Quercus organizan de modo conxunto unha xornada de coctelería e maridaxe. A cita será o vindeiro xoves 23 de xullo a partir das 20.00 horas nas modernas instalacións deste destacado establecemento hostaleiro, situadas no polígono de Costa Vella. Para participar, só hai que inscribirse no e-mail contacto@quercuscafeteria.com indicando nome, apelidos e teléfono de contacto.
A iniciativa, aberta ao público en xeral, pretende dar a coñecer as amplas posibilidades das augardentes e licores dentro da cociña. Para iso, o chef do Restaurante Quercus, Federico Zedda, ofrecerá a todos os asistentes novos pratos que combinan á perfección cos produtos amparados polo Consello Regulador.
Da coctelería encargarase o barmen Ángel Camiña, que colaborou en diversos eventos co CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Este profesional preparará en directo tres cócteles para a ocasión. Mentres os elabora, os participantes nesta xornada poderán coñecer máis detalles sobre os produtos que se utilicen en cada proposta.
O presidente do CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo, destacou que “con esta actividade daremos a coñecer a versatilidade dos nosos produtos na cociña. Ademais de poder gozalos nunha boa copa, tamén son un complemento moi adecuado para carnes, peixes ou sobremesas e, como non, en toda clase de cócteles”.
Desde o Restaurante Quercus IP apostan polos produtos da maior calidade. Por iso, decidiron desenvolver novas actividades coas que dar a coñecer non só os seus exquisitos pratos senón tamén o seu firme aposta por ofrecer un novo concepto de cociña. O seu obxectivo é converter o restaurante nun espazo gastronómico de referencia na capital galega.











