O consello de administración da APV aproba converter as antigas naves da froita en segunda terminal de cruceiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo aprobou esta mañá, na súa reunión ordinaria do mes de xullo, converter as antigas naves da froita en segunda terminal de cruceiros. Así o comunicou, en rolda de prensa, o máximo responsable portuario, Ignacio López-Chaves, quen informou do visto e prace de todos os conselleiros, salvo o do representante do Goberno municipal, o Alcalde Abel Caballero, que se opuxo a esta medida e votou en contra.

Segundo explicou López-Chaves, o Consello de Administración deu luz verde ao comezo do expediente de modificación puntual do Plan Especial do Porto, que deberá ser agora ratificado polo Concello de Vigo. Tras a súa aprobación por parte do Goberno municipal, o documento será remitido á Xunta de Galicia.

“Queremos ter unha segunda terminal preparada e dispoñible para cando atraque un cruceiro no Peirao de Comercio. Queremos poder atender aos cruceristas e ás navieras nunhas condicións óptimas. Outros portos están a pór en marcha a súa primeira terminal de cruceiros e nós queremos pór en marcha a segunda”, subliñou.  

Segundo informou o Presidente portuario, aínda que até o momento utilizouse parte das antigas naves da froita como segunda terminal de cruceiros, “non estaba nas mellores condicións”. Tanto é así que, ante a carencia de servizos, “utilizabamos baños químicos” e “non podiamos ofrecer ás navieras unhas instalacións dignas e de calidade que nos permitan manter o nivel que sempre tivo o Porto de Vigo”. 

Por iso, para López-Chaves, a aprobación por parte do Consello de Administración do inicio do expediente de modificación puntual do Plan Especial do Porto é “moi importante”; unha “aposta” da Autoridade Portuaria polo tráfico de cruceiros, como principal entrada de turistas estranxeiros na cidade. “Este ano -lembrou- case 290.000 persoas chegarán a Vigo a través do seu Porto e cunha segunda terminal teremos maior capacidade e mellores servizos”. 

Interacción porto-cidade

Ademais de destinar as antigas naves da froita a segunda terminal de cruceiros, a institución que preside Ignacio López-Chaves quere converter parte destas instalacións nunha nova zona de lecer aberta á cidade, destinándoa a relación porto-cidade, así como a outros destinos portuarios. Segundo asegurou, “hai empresas que xa están interesadas”. 

“Hoxe tomamos a decisión de dotar ao Porto de Vigo dunha segunda terminal de cruceiros, abríndoa non só aos turistas, senón tamén aos vigueses. É bo para a cidade, bo para o Porto, bo para o sector da hostalaría e bo para o turismo de Vigo. Esperemos que poñan o interese suficiente e que se dean conta de que se trata dun proxecto estratéxico de cidade, clave para continuar mantendo o liderado de todo o noroeste peninsular no tráfico de cruceristas”, destacou.

“Non vai haber ningún outro porto no noroeste de España que teña unha segunda terminal de cruceiros e así llo imos a comunicar ás navieras”, asegurou. “Nos últimos anos investimos máis de 10 millóns de euros no tráfico de cruceiros. Estamos a encher a cidade de visitantes e o que queremos é que veñan máis. Ás veces conseguir as cousas é complicado e o dano non se lle fai á Autoridade Portuaria de Vigo; o dano fáiselle ás empresas de hostalaría, de turismo e á imaxe da cidade”, subliñou.

31 de xullo de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.