O concerto de “Pelepau” na Guarda pon a guinda á “V Mostra das Tradicións Mariñeiras”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

A localidade da Guarda viviu unha fin de semana festiva grazas ás actividades programadas dentro da “V Mostra das Tradicións Mariñeiras”, organizadas pola Asociación de Redeiras Atalaia e o Concello.

Tanto o venres, coma o sábado e o domingo, a carpa instalada no Porto do municipio, ofreceu a veciños e veciñas da Guarda, e tamén ós múltiples visitantes, un ambiente moi festivo. Todas as exposicións, os distintos obradoiros de cerámica, cestería ou vidro e as diferentes actividades lúdicas, atraeron a centenares de persoas.

A guinda a esta V edición da mostra foi o concerto que onte ofreceu o grupo “Pelepau”. Dende ás 21 horas e ata pasadas as 23 horas, este conxunto formado por dez artistas, animaron ó público e fixeron que este se levantase, aplaudise e cantase durante dúas horas. O terminar a actuación, e non sen antes facer máis dun “bis” o grupo despediuse do seu público entoando o seu último tema entre eles. 

O Mercado Mariñeiro, exposto na rúa do Porto tamén foi un moi bo reclamo. Veciños e visitantes pasearon, admiraron e tamén mercaron pezas nestes postos artesanais que ofrecían moitos e moi diversos produtos. A concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, xunto coa Concelleira de Servizos Socias, Teresa Vicente, e representantes da Asociación de Redeiras, visitaron o mercado e decidiron entregar dous diplomas. Un ó stand mellor ambientado e outro o posto que presentaba os produtos de maneira máis axeitada. 

O domingo, ademais, as condicións de vento permitiron que a gamela tradicional adaptada “A Roncadeira” puidese navegar polo porto da Guarda para ofrecer un “bautismo de mar” a persoas con mobilidade reducida.

O Concello da Guarda pretende continuar con este tipo de actividades en colaboración co clube deportivo “Alagua”. 

Con este programación a Mostra das Tradicións Mariñeiras despediuse ata a próxima edición, que espérase, a lo menos, sexa tan especial coma a de 2015.

27 de xullo de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.