O Concello mostra seu apoio ao Club Balonmán Cangas

O Concello presta o seu apoio ao Balonmán Cangas
A Fundación Cangas Deporte, encabezada polo Concelleiro de Deportes, Xoán C. Chillón convocou con carácter urxente aos portavoces de tódolos grupos municipais que forman a Corporación, con motivo da situación actual do Club Balonmán Cangas.
Ao acto acudiron Mercedes Giráldez, Concelleira de Obras e Servizo; Tomás Hermelo, Concelleiro de Benestar Social e Igualdade; Alfredo Iglesias, portavoz do PSdG – PSOE; Francisco Soliño e Rafael Soliño en representación do PP, José R. Refojos secretario da Fundación Cangas e Deporte e o propio Concelleiro de Ensino e Deporte Xoán C. Chillón.
Chillón, que puido falar directamente co club, explicoulle a seus compañeiros a situación de porque o Club Balonmán Cangas estaba momentaneamente expulsado da Liga Asobal, xunto co Teucro, o outro representante galego. A súa vez indicou que o Club Balonmán Cangas é unha entidade de gran importancia para a nosa vila por levar o nome de Cangas por toda a xeografía española. Ademais conta cunha gran historia e acumula moito anos de éxitos deportivos. Motivos mais que suficientes para que dende o Concello se lle preste o máximo apoio posible.
Todos os presentes coincidiron en que hai que tratar de buscar unha solución a esta cuestión, “o Cangas conta cunha gran masa social e hai que apoialos” apuntaban. Para iso tomaranse as medidas oportunas para axudar ao Club Balonmán Cangas, mais tratarse de traballar de forma coordinada co propio club.
Nas vindeiras horas tamén se contactará coa Deputación de Pontevedra e coa Secretaría Xeral de Deporte e tratar de traballar de forma conxunta os tres estamentos, co fin de axudar aos dous conxuntos do balonmán galego a xogar na máxima categoría.
O Concello de Cangas ponse á total disposición do Club Balonmán Cangas, agardando acontecementos e valorando a posibilidade de tomar outras medidas si fóra preciso. “Non podemos permitir que primen os asuntos administrativos sobre os méritos deportivos”, sentenciaba o Concelleiro de Deportes.











