O concello lalinense acometerá obras de mellora no polígono Lalín 2000 por valor de 150.000 euros

Reunión do alcalde de Lalín con Antonio Lamas
O Concello de Lalín executará nos próximos meses traballos de mellora nas infraestruturas do Polígono Lalín 2000. As actuacións consistirán na rexeneración de pavimentos en diferentes treitos viarios e na reparación dos elementos de sinalización horizontal.
O Concello conta cun orzamento total de 150.000 euros para esta iniciativa. Destes, 120.000 proveñen dunha partida da Consellería de Economía e Industria, cofinanciada polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o resto -30 mil euros- correrá a cargo do Concello de Lalín.
Co obxectivo de axilizar ao máximo os trámites precisos para o desenvolvemento deste proxecto, o alcalde, Rafael Cuíña, convocará un pleno extraordinario para a próxima semana. A Xunta, que comunicou hoxe a concesión desta subvención, esixe que as obras estean xustificadas, como moi tarde, o próximo 15 de outubro. En concreto, o pleno convócase debido á necesidade de realizar unha modificación de crédito para poder habilitar unha partida de 30 mil euros e poñer en marcha a execución das obras de maneira inmediata.
Tras coñecer a concesión desta axuda, Rafael Cuíña convocou no seu despacho ao presidente da AED, Antonio Lamas; un encontro que serviu para restablecer as relacións entre ambos. O alcalde e o presidente da patronal analizaron en conxunto as posibles actuacións que se desenvolverán no marco desta iniciativa, “importantísima para o tecido empresarial do municipio”. Cuíña tamén fixo un chamamento a “actuar con altura de miras e responsabilidade institucional nun proxecto que redundará en beneficio dun dos principais centros industriais e empresariais da comarca do Deza e, en consecuencia, da economía do noso Concello”.











