O Concello de Vilagarcía e Augas de Galicia inspeccinan os bombeos e aliviadoiros da zona das praias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Augas de Galicia volverán a inspeccionar os bombeos e aliviadoiros da rede de saneamento así como os posibles puntos de verquidos ao longo de toda a franxa de praia entre Carril e A Concha. O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, xunto con persoal municipal e técnicos do organismo autonómico citáronse mañá a pé de praia para detectar posibles emisións de augas residuais ao mar. A efectos preventivos, o Concello manterá izada a bandeira amarela ata coñecer os resultados das últimas mostras tomadas tras detectarse niveis bacteriolóxicos superiores aos permitidos nas inmediacións do CIRA.

A inspección comezará ás 9:30 horas da mañá na zona do Paseo Marítimo situada fronte ao Hotel Carril. Os traballos desenvolveranse aproveitando as horas de maior baixamar, a efectos de poder examinar mellor o litoral. Os servizos municipais inspeccionaron onte todos os bombeos da rede de saneamento, sen atopar anomalía algunha.

Aparte do contacto que o Concello está a ter con Augas de Galicia para tratar de resolver os focos contaminantes no litoral, ante a reiteración de verquidos á ría e a gravidade da situación, o Concello volverá a solicitar a celebración dunha entrevista urxente coa conselleira de Medio Ambiente para abordar o asunto. Para o goberno local, esta situación estase facendo insostible e causando un grave prexuízo para a imaxe e a economía locais. A intención do alcalde, Alberto Varela que e demandar á Xunta que afronte dunha vez o comprometido saneamento integral da ría e especificamente do litoral vilagarciá, para o cal o anterior conselleiro anunciou hai dos anos un investimento millonario para o noso municipio.

Hai unhas semanas que os areais de Carril sufriron as consecuencias dun verquido de augas residuais que, tras a intervención de Concello e Xunta, parecía terse resolto. Onte, tras recibir un fax da Consellería de Sanidade comunicando que a última análise das augas na praia Concha-Compostela detectou a presenza de Escherichia Colli en niveis superiores aos 1.500 NMP/100 ml permitidos segundo a normativa, o Concello decidiu izar a bandeira amarela e colocar carteis por todo o areal desaconsellando temporalmente o baño.

As novas mostras tomadas para realizar a contra análise xa se remitiron ao laboratorio que mandará os resultados nas vindeiras horas. Ata entón, mantéñense as medidas de precaución.

30 de xullo de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.