O Concello de Vilagarcía desaconsella o baño na Concha-Compostela por un vertido de augas residuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello decidiu izar hoxe a bandeira amarela e colocar carteis de advertencia desaconsellando o baño na praia da Concha-Compostela logo de recibir un fax, preto das dúas e media da tarde, da Consellería de Sanidade no que se advirte que a última análise das augas detectou a presenza de Escherichia Colli en niveis superiores aos 1.500 NMP/100 ml permitidos segundo a normativa. Ao parecer, o vertido de augas residuais se produciu nun tramo do areal preto do Centro de Interpretación da Ría de Arousa (CIRA).

Con independencia de que hoxe mesmo se vai realizar unha contraanálise, de acordo coa normativa –Real Decreto de xestión de calidade das augas e Directiva Europea sobre o mesmo asunto- o concello ordenou pouco despois o izado da bandeira amarela, ao tempo que puxo carteis recomendando “non bañarse temporalmente por contaminación microbiolóxica na auga”.

Lamentando o suceso, isto non fai máis que ratificar a petición do goberno local de que, coa intervención directa da Xunta, se afronte dunha vez o comprometido saneamento integral da ría e especificamente do litoral vilagarciá. Como se sabe, a primeira entrevista que solicitou o alcalde, Alberto Varela, con un membro do goberno da Xunta foi, precisamente, coa conselleira de Medio Ambiente e para retomar ese proxecto, anunciado hai case dous anos polo entonces titular do departamento, Agustín Hernández, nunha visita a Vilagarcía.

29 de xullo de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.