O Concello de Vilagarcía colaborará con Cogami na integración das persoas con discapacidade
Representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, máis coñecida como Cogami, mantiveron hoxe unha reunión co alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Benestar, Tania García, para presentarlle os obxectivos co colectivo e mesmo os servizos que presta, ben de xeito directo, ben en colaboración coas institucións. Neste sentido, tanto Varela coma García se comprometeron diante das representantes de Cogami –Raquel Alvite e María Araújo- a colaborar institucionalmente na integración das persoas discapacitadas. A primeira acción sería unha xornada de información aos empresarios sobre as axudas oficiais ás que poden acceder para a contratación de discapacitados.
Na reunión, as representantes de Cogami expuxeron ao goberno local as tres principais vías de traballo da asociación: a participación en concursos públicos, optando á prestación de determinados servizos públicos que poden ser prestados por persoas con discapacidade; a accesibilidade, realizando estudios ou plans globais ou por áreas para institucións públicas ou privadas; e os programas de formación de autonomía persoal, tamén normalmente en colaboración coas administracións.
Tanto o Concello como Cogami ratificaron o seu compromiso de colaboración. Algo que, de feito, xa non é novo, posto que a recollida selectiva de papel e envases de plástico se realiza a través de Coregal, que pertence a Cogami, e esta empresa é a que ten adxudicada a xestión do Centro de Día que funciona na urbanización de Desamparados, na Lomba.











