publicidade hoxe

O Concello de San Sadurniño recorda que existe un servizo gratuíto de recollida de voluminosos con cita concertada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño ofrece desde hai tempo o servizo de recollida de voluminosos para evitar que aparezan vertedoiros incontrolados ou, coma neste caso, que as beirarrúas e illas de colectores se enchan de obxectos que requiren un tratamento específico e diferenzado do resto do lixo. 

Ben é certo que o “xa o levarán se queren” é unha comodidade, pero aínda o é máis coller o teléfono, marcar o 981 490 027, pasar polas oficinas municipais ou enviar un correo electrónico a correo@sansadurnino.dicoruna.es para dar aviso de que queremos que nos recollan un sofá, un somier, un colchón, a lavadora vella, a tele que xa non traballa, etc. No Concello tomarán nota do que nos imos desfacer e despois indicarannos o día e a hora exactos en que debemos botar o material fóra da casa para pasar retiralo. E por fóra da casa queremos dicir diante da porta, xa que este servizo préstase indo casa por casa.

Ben, o sistema polo menos parece máis cómodo que andar con trangalladas ao lombo buscando onde tiralas. E é que cunha simple chamada podemos aforrar un esforzo innecesario, custes ambientais e incluso unha sanción económica. 

Pero… ¿que se consideran “voluminosos”?. En principio todo aquilo que non pode ir aos colectores do lixo polo seu tamaño e, ademais, por requirir un tratamento específico. Algúns deles xa os mencionamos -sofás, somieres, colchóns, lavadoras, teles…-, pero neles englobaríanse outros electrodomésticos de gama branca como frigoríficos e lavalouzas; pequenos aparellos como tostadoras, microondas, ordenadores, ferros de pasar; mobles vellos… e, en resume, todo aquilo que non tería cabida no sistema de recollida convencional. 

Iso si, hai cousas que non entrarían nesta clasificación e que ás veces tamén aparecen en silveiras ou arrimadas aos colectores. Serían os entullos de pequenas obras domésticas, sanitarios, lavabos, bidés, os aceites queimados do coche, os tubos de neón, cristais escachados -distintos das botellas de vidro, aínda que non nolo pareza-, botes de pintura e outros residuos que deberemos depositar pola nosa conta no Punto Limpo de Narón, situado no polígono industrial do Río do Pozo. Un servizo que tamén é gratuíto grazas ao convenio asinado hai tempo entre San Sadurniño e o concello veciño e ao que poderemos acudir sempre que o precisemos sen necesidade de agardar pola recollida municipal no caso dos voluminosos. O Punto Limpo de Narón está aberto de luns a venres en horario de mañá e tarde e os sábados polas mañás agás os festivos.

Chegados e chegadas ao final da nova e despois de ver que hai múltiples maneiras para desfacernos das cousas vellas, non está de máis pararse pensar en que ás veces tiramos electrodomésticos e enseres que aínda están en boas condicións e que, quizais, lle poidan seguir facendo servizo a outras persoas. Só é cousa de preguntar ou de ofrecelos nas redes sociais como fai moita xente.

31 de xullo de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.