O Concello de Ourense dá luz verde á licenza para as obras de sustitución e reparación de cubertas no IES Universidade Laboral
A xunta de goberno local do Concello de Ourense acordou esta mañá conceder á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia licenza urbanística de obra para proxecto básico e de execución de obras de substitución e reparación de cubertas no IES Universidade Laboral de Ourense, segundo proxecto básico e de execución redactado pola arquitecta Cristina Andrés Blanco, e cun orzamento de execución material de 204.160,30 euros.
O edificio en cuestión fora un ben catalogado no PXOM 2003. Non obstante, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou o 29 de setembro de 2011 unha ordenación provisional na que se inclúe manter a vixencia do catálogo do PXOM 2003.
O proxecto aprobado hoxe consiste na reparación dalgunha das cubertas que forman o Centro, así como da reparación interior do acabado (pinturas) nas zonas que foron deterioradas pola humidade. Estas son o hall de acceso, as aulas de plástica, audiovisuais, laboratorio, bibliteca, sala de caldeiras e dous tramos de corredor. Renovaranse as cubertas nestas zonas, procedendo á retirada das pranchas de fibrocemento existentes na actualidade e no seu lugar colocaranse paneis “sandwich” de chapa prelacada. Sacaranse tamén as baixantes ao exterior cunha solución semellante á xa empregada noutros casos neste mesmo edificio.
Na mesma sesión tamén foi aprobado o modificado do proxecto de “Rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña”, presentado no rexistro xeral do Concello con data de 26 de maio de 2015 e, na súa consecuencia, modificar o punto primeiro do acordo da XGL de 28 de decembro de 2014 (que fixaba o seu orzamento en 100.499,56 euros, IVE incluido), no senso de fixar o orzamento de actuación nun total de 106.535,30 euros (IVE engadido).
O proxecto de rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña consistirá en retirar o deteriorado pavimento, instalar un pavimento novo tamén de madeira, xa que é o que permite a estructura; en pintar a pasarela e facer unha completa remodelación da estructura.
Por último, na xunta de goberno desta mañá tamén se aprobou un convenio de cooperación educativa entre o Concello de Ourense e a Universidade de Vigo para a realización de prácticas académicas externas que faciliten o futuro desenvolvemento profesional dos estudiantes e o acceso ao mercado laboral dos titulados universitarios.











