O Concello de Ourense contrata o proxecto de urbanización do acceso ao edificio xudicial
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense ven de contratar o proxecto de urbanización da conexión da rúa Francisco Lloréns coa rúa Velázquez. Vinte empresas presentaron as súas ofertas ao Concello para realizar os traballos, sendo a máis económica a de Obras y Saneamientos , S.L., que executará as obras cun orzamento de 180.023,80 euros (IVE incluído), cunha baixa do 25% con respecto á oferta de licitación. O prazo de execución será de tres meses dende o inicio das obras.
Con este proxecto, o Concello de Ourense pretende a conexión dambas rúas e dar acceso, tanto peonil como viario, aos novos xulgados de Ourense, atendendo ao establecido no planeamento vixente, acadando a axeitada accesibilidade que permita o acceso a ambulancias, coches de bombeiros e aos propios veciños, inviable na actualidade.
O criterio utilizado no deseño destas obras é a adaptación no posible á topografía existente, con sostenibilidade na intervención e pavimento antideslizante. No proxecto se contemplan as instalacións de abastecemento de auga, alcantarillado e drenaxe, media e baixa tensión, alumeado público e telecomunicacións, así como os seus correspondentes elementos e detalles construtivos, unidades de obra e ornamento.
No tocante á rede de abastecemento, se realizarán tres conexións á rede existente, dúas na rúa Velázquez e unha en Francisco Lloréns, con tuberías de fundición dúctil (xunta automática flexible) de 100 mm.
No que respecta á rede de alumeado público, dotarase dunha instalación de iluminación óptima, tando dende o punto de vista luminotécnico como económico. Asimesmo, tamén se canalizarán as redes de telecomunicacións, baixa e media tensión e gas.
Por último, se colocarán en toda a zona de actuación bancos e papeleiras, así como varandas de seguridade. Plantaranse tamén especies arbóreas (10 unidades de prunus ciruelo e prunas almendro) así como 36 arbustos e gramíneas no parterre, todas elas coas directrices e recomendacións do Servizo de Medio Ambiente do Concello de Ourense.
Incendios forestais
Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local desta mañá aprobouse a participación e colaboración do Concello nun convenio coa Consellería de Medio Rural e do Mar para o desenvolvemento de accións combinadas de prevención e defensa contra os incendios forestais mediante unha brigada de cinco membros, formada por un xefe de brigada, un peón conductor con carnet B e tres peóns de brigada.
O ámbito de actuación da brigada será municipal e integrarase no dispositivo municipal para a prevención e defensa contra incendios forestais.
A achega da Consellería será de 15.934,62 euros para os tres meses que dura o operativo. A porcentaxe máxima subvencionable será do 100% do investimento, polo que co importe da subvención poderíase cubrir a totalidade do custe da brigada.











