O Concello de Lugo considera intolerable que Rocío Mosquera poña en dúbida a continuidade do sistema sanitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O edil de Concello e Cidadanía, Juan Carlos González Santín, delegación que engloba a área de sanidade, subliñou este venres que as declaracións da Conselleira Rocío Mosquera, nas que afirmou que o actual sistema sanitario é imposible de asumir debido á falta de alfabetización en saúde dos cidadáns, “son totalmente intolerables”. A Concelleira “culpa do mal funcionamento da sanidade aos doentes, e non se dá conta de que a responsabilidade é dela, que é a que ten que xestionar este servizo público fundamental”.

En Lugo “estamos acostumados a esto; xa sabemos como trata aos lucenses a conselleira, negándonos a Hemodinámica 24 horas, aquí temos que infartar en horario de oficina, e presentándonos como un privilexio que os lucenses teñamos algo tan necesario como Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, prestacións que espero estean en funcionamento canto antes”, asegurou Santín.

Para o concelleiro, “o Partido Popular ten que deixar de tratarnos aos cidadáns como menores de idade. Non somos menores de idade e sabemos utilizar os servizos sanitarios, pero para saber utilizalos hai que telos e que sexan de calidade, cousa que hoxe os lucenses e os galegos non temos”. “Cada día, a Conselleira está a facer máis méritos para dimitir ou ser destituída”, recalcou Santín. 

24 de xullo de 2015 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.