O Concello de Lalín vixiará as paradas irregulares de buses tras recibir queixas dos taxistas
O Concello de Lalín acaba de anunciar que a policía local intensificará a vixilancia co obxectivo de erradicar o estacionamento irregular de autobuses en diferentes puntos do casco urbano, para coller e deixar viaxeiros. O goberno adoptou esta postura logo de recibir queixas por parte do gremio de taxistas de Lalín, que se ven prexudicados por estes feitos, e tras constatarse a existencia de paradas non autorizadas.
Por outra parte, o goberno municipal segue estudando medidas para evitar a circulación de vehículos en zonas peonalizadas como a rúa Colón. En concreto, con respecto a este rueiro, o goberno colocará valos de modo provisional durante as fins de semana para evitar, dunha vez por todas, o paso de vehículos non autorizados que incomodan e mesmo poñen en perigo a integridade dos viandantes. A medida levaríase a cabo mentres o Concello non dispoña dos correspondentes bolardos retráctiles, que se colocarán de xeito definitivo, para cerrar a rúa ao tráfico.
Así mesmo, aparte de intensificar a vixilancia nestas zonas, tamén se procederá a cambiar o sinal que da rúa Colón, actualmente de “dirección prohibida” (R-101), para colocar no seu lugar un de “prohibido circular” (R-100).











