O Concello de Lalín solicítaralle aos propietarios da AR-21 a limpeza das súas parcelas
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, anunciou que o Concello de Lalín procederá, en breve prazo, a limpar a parcela de propiedade municipal da denominada Área de Reparto 21 (AR-21). Así mesmo, sinalou que se lle enviará a notificación pertinente aos particulares donos dos demais espazos de terreo, para que rocen e manteñan limpas as súas propiedades.
González Casares sinalou que os terreos en propiedade do Concello na AR-21, son menos dun 10% dos totais. Deste xeito, os técnicos municipais procederán á localización das parcelas para así poder actuar no lugar canto antes. Casares recordou que o Concello non pode actuar directamente nas zonas de propiedade privada, senón que ten que intervir baixo as canles legais, esixíndolle aos particulares a limpeza dos seus terreos. Dende o Concello agárdase que o lugar, situado nas inmediacións das rúas Monte Faro e Melide, quede acondicionado o antes posible e deixe de mostrar o actual estado de abandono.











