O Concello de Lalín recibe aos nenos saharauís do programa Vacacións en Paz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Recepción de nenos saharauís

Recepción de nenos saharauís

Os tres nenos saharauís que este ano estarán en Lalín ata o mes de setembro coas súas respectivas familias de acollida, foron hoxe recibidos no concello polo alcalde, Rafael Cuíña e o tenente alcalde e concelleiro de Servizos Sociais, Nicolás González Casares. Os cativos pasarán o verán en Lalín grazas ao programa Vacacións en Paz organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Labda, Lehyela e Nayhem, de 12, 11 e 10 anos respectivamente, son os tres cativos que hoxe foron recibidos no concello xunto coas súas familias de acollida. Os tres repiten experiencia xa que chegan por 4ª, 3ª e 2ª vez consecutiva. No acto de recepción, que tivo lugar no despacho do alcalde, os menores recibiron diversos obsequios.

O concelleiro de Servizos Sociais, Nicolás González Casares, destacou o traballo de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que fai posible que os nenos pasen o verán en Galicia. Para Casares, a estancia en Lalín supón para os saharauís un “balón de osíxeno, xa que sería moi duro para eles ter que pasar o verán no Sahara”.

Os cativos, que chegaron o domingo de madrugada, participarán ao longo do verán en numerosas actividades, entre elas, algunhas organizadas polo concello. Así mesmo, pasarán nos próximos días polo centro de saúde para someterse a revisións médicas.

8 de xullo de 2015 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.