O Concello de Lalín pon a disposición dos veciños dous buses para acudir á manifestación do sector lácteo en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O concelleiro de Gandería, Xosé Manuel Hermida, anunciou que o Concello contratou dous autocares que se poñerán a disposición de todos e todas as lalinenses que queiran acudir á manifestación do próximo venres en favor do sector lácteo en Santiago de Compostela. Os buses partirán dende a estación de autobuses de Lalín e dende a cooperativa leiteira Campodeza, en Gresande. Ambos partirán ás 10.30 horas, para chegar ao recinto feiral de Salgueiriños, en Compostela, a partir das 11.30, instantes anteriores ao comezo da mobilización.

O Concello de Lalín, membro da recentemente creada Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, continua, deste xeito, implicándose profundamente na loita gandeira por uns prezos dignos para o leite. O concelleiro de Gandería fai un chamamento á participación de toda a cidadanía na manifestación do venres. Hermida recorda que a crise do sector lácteo non afecta unicamente aos gandeiros, senón que prexudica indirectamente a gran parte da poboación, por verse afectado un dos eixos económicos principais de Galicia. 

Outro bus partirá dende a cooperativa Cobideza, en Cercio, tamén ás 10.30, neste caso contratado a través das organizacións cooperativistas.  

15 de xullo de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.