O Concello de Lalín inviste 61.000 euros na mellora dos centros sociais de Muimenta, Losón e Lodeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín vai investir máis de 61 mil euros en mellorar e acondicionar os centros sociais das parroquias de Muimenta, Losón e Lodeiro. Está previsto que as obras se inicien esta mesma semana e que poidan estar concluídas no prazo de tres meses. O obxectivo destas actuacións de mellora -promovidas polo concelleiro de Rural, Miguel Medela- é acondicionar estes espazos para facelos máis operativos e adaptalos ás necesidades das veciñas e veciños das parroquias.

As actuacións iniciaranse no centro social de Muimenta, onde se vai adecuar a zona de reunións e construír aseos no exterior. Na zona interior levantaranse os sanitarios, a carpintería  de portas e ventás e a instalación eléctrica e demoleranse varios tabiques; na zona exterior  será onde se constrúan os novos aseos coa apertura dun oco para a súa comunicación co interior do edificio.

No centro social do Corpiño, en Losón, está previsto que se realicen melloras na cuberta e a substitución da tella. Tamén se retirará o depósito de acumulación de auga existente e o tubo de PVC que lle sirve de alimentación. Por último eliminarase a fosa séptica existente e  cubrirase con terra vexetal e unha capa de céspede.

En Lodeiro actuarase no centro social de  Castro de Abaixo, onde se realizarán reparacións na cuberta. Recolocaranse as chapas desprazadas, revisaranse as ancoraxes e levantarse o canalón existente de PVC. Posteriormente sobre as pranchas de fibrocemento procederase á colocación de tella curva e colocarase un novo canalón de PVC branco na fachada principal.      

20 de xullo de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.