O Concello de Lalín insiste no consumo responsable de auga para evitar posibles problemas de abastecemento
O goberno local, a través da concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, fixo hoxe un novo chamamento ao consumo responsable de auga. A escaseza de precipitacións durante os últimos meses e a previsión de que continúe sen chover, pode derivar en “posibles problemas de abastecemento”, indicou Alonso.
A concelleira insistiu na necesidade de “actuar coa máxima responsabilidade á hora de consumir auga”. Aínda que polo momento os volumes de líquido son aceptables, quérese evitar ter que tomar medidas restritivas co paso das semanas. Dende o Concello apélase a que a cidadanía sexa prudente na utilización doméstica da auga e, especialmente, en accións de regadío.
Neste senso, o goberno xa puxo en marcha dende hai máis dunha semana, plans de aforro, que procuran evitar o gasto innecesario de auga no rego de xardíns e parques. As medidas de contención aplicaranse ao longo de todo o verán, período no que unicamente se irrigará aquelo que sexa estritamente necesario.











