O Concello de Lalín asinará un convenio co Club Hípico de Mouriscade para dinamizar o turismo activo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
O edil Nicolás González en Mouriscade

O edil Nicolás González en Mouriscade

O tenente alcalde e concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, visitou as instalacións do Club Hípico Juan Oliveira no lugar de Mouriscade. Casares foi recibido por Ana Pedrouzo, presidenta da directiva do club, e aproveitou para comunicar que o Concello firmará un convenio de colaboración coa entidade. O acordo ten o obxectivo de dinamizar o turismo activo e o deporte na natureza, polo que o novo goberno aposta como elemento de estímulo turístico e económico para o municipio, aproveitando os servizos e actividades que  ofrece o centro.

Así, poranse en marcha novas rutas a cabalo guiadas e levaranse a cabo exercicios de promoción para atraer visitantes, de xeito que o club hípico tamén se verá beneficiado, froito do proceso de reactivación das súas actividades que isto levará parello.  “O bo traballo que vén facendo a nova directiva do club, que encabeza Pedrouzo, danos moitas facilidades para poñer en marcha un proxecto deste tipo” explicou Nicolás González Casares. 

O concelleiro realizou unha visita polas instalacións,  que cualificou de “moi dignas” e engadiu que dende o Concello “hai disposición a colaborar tamén na execución de pequenas labores de mellora” demandadas polos responsables do centro. Así mesmo, asegurou que a localización do espazo -contiguo ao albergue de Mouriscade e nun entorno de enorme valor- é “inmellorable para o desenvolvemento de actividades no entorno natural, polas que apostamos” 

O Club Hípico Juan Oliveira conta con máis dunha trintena de socios e máis de 25 cabalos entre os que son de particulares e os destinados a clases de equitación e ofrécelles cursos a alumnos de varios concellos da zona e incluso doutras provincias.

15 de xullo de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.