O Concello de Lalín adxudícalle a Montefaro Electricidade o servizo de mantemento do alumeado público

Rafael Cuíña na sinatura do contrato
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou hoxe a adxudicación do contrato do servizo de mantemento do alumeado público. A oferta mellor valorada entre as 11 que se presentaron a este proceso foi a da empresa `Montefaro Electricidade SL’, que será a encargada de prestar este servizo dende hoxe ata o 30 de xuño do ano que vén. O concello investirá un máximo de 120 mil euros durante este ano para garantir o perfecto funcionamento do alumeado público en Lalín.
O alcalde felicitouse hoxe de que o novo goberno resolvese “nun tempo récord dunha semana” unha adxudicación que estaba pendente dende o pasado mes de abril. Coa adxudicación de esta mañá ponse fin á situación de precariedade na que deixara o servizo o equipo de José Crespo. Ademais, o goberno dá solución inmediata á innumerable cantidade de queixas que estaban a chegar ao concello pola prestación no servizo e que viñan derivadas da “absoluta desidia” do anterior executivo.
A anterior empresa adxudicataria levaba traballando sen contrato dende o pasado mes de abril, o que provocou numerosos problemas na xestión dun servizo imprescindible para a veciñanza do municipio. Esta situación chegou a provocar que algunhas zonas, como a parroquia de Noceda, chegasen a estar 10 días sen alumeado público.
Rafael Cuíña xa cualificara de “inadmisible” esta situación e lamentou o “altísimo grao de irresponsabilidade do anterior equipo de goberno nun tema tan importante para o benestar dos veciños e veciñas do municipio”. Ao mesmo tempo, insistiu en que “esta situación demostra as declaracións reiteradas por min en campaña electoral sobre o abandono no que se atopaba o rural do noso concello”.











