O Concello de Gomesende asina un protocolo de cooperación co Sergas para realizar reformas no centro de saúde
O Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde na capital de Galicia acolleu hoxe o acto de sinatura do protocolo de cooperación entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Gomesende, no que se establecen as bases para acometer obras de reforma no centro de saúde pertencente a este municipio. O protocolo foi asinado por Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade, e pola alcaldesa de Gomesende, Pura Rodríguez. Na sinatura tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, e a directora de Recursos Económicos do Sergas, Lourdes Vilachán.
Tal e como se recolle no convenio, as partes asinantes acordan unir os seus esforzos a fin de dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación, mediante actuacións que permitan mellorar as dotacións e infraestruturas dedicadas á atención sanitaria asistencial á cidadanía no Concello de Gomesende, e, por conseguinte, faise necesario estudar as posibilidades e viabilidade de acometer obras de reforma no centro de saúde.
Para a elaboración destas accións constituirase un grupo de traballo composto por dous representantes de cada unha das partes asinantes.