O Concello de Ferrol sufraga o novo marcador do Estadio da Malata
O Concello de Ferrol sufragou a adquisición de novos marcadores para o Estadio da Malata, que estarán operativos para o comezo da liga, dando resposta así a unhas das demandas expostas con anterioridade polo Racing de Ferrol.
Os novos marcadores tiveron un coste de preto de 15.000 euros e sustituirán os que estaban instalados ata o momento e que tiñan numerosas deficiencias. Así o avanzou o concelleiro de Deportes, Turismo e Servizos, Bruno Díaz, na visita que realizou ao Estadio acompañado de Isidro Silveira Rey, conselleiro delegado do Racing de Ferrol, e na que puideron intercambiar opinións sobre as instalacións deportivas.
Na reunión tamén se analizou a situación do torneo de Fútbol Concepción Arenal. Bruno Díaz sinalou que, cando chegou o novo goberno, non había nada previsto nin ningunha partida reservada para este fin pero que se analizarán posibles acordos co Racing de cara a manter en vindeiros anos este evento.
No marco das visitas previstas ás instalacións deportivas que realizará o edil para coñecer “in situ” a súa situación, e coa vista posta na elaboración dos próximos orzamentos, acudiu hoxe á área deportiva maior que ten a cidade, a da Malata, para visitar tanto o centro deportivo como as pistas e o estadio de fútbol.
O concelleiro tamén visitou a piscina e o centro deportivo da Malata, no que coñeceu o estado no que se atopan as instalacións.











