O Concello de Ferrol modificará a normativa de axudas de emerxencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol modificará a normativa de axudas de emerxencia ante o “colapso social” no que se ten constatado que está a cidade, segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Muller e Festas, a socialista Beatriz Sestayo, ao termo da Comisión de Benestar, Igualdade, Muller e Mocidade, celebrada na mañá deste xoves e na que se abordou esta cuestión.

Na Comisión a edil presentou o borrador da nova normativa de emerxencia, debido a que a actual “é demasiado ríxida para a concesión de axudas de emerxencia pero tamén o suficientemente difusa para permitir interpretacións variables que fagan unha diverxencia de criterio”.

Segundo resaltou Beatriz Sestayo “nunha xuntanza con todos os profesionais de servizos sociais se expuxo a necesidade de artellar uns criterios únicos”, para o que se presentou este borrador de normativa “que contempla máis flexibilidade nas cuantías a outorgar segundo a necesidade das persoas acreditada fehacientemente e, en segundo lugar, máis celeridade para o proceso de adxudicación das mesmas, porque en situación de emerxencia social non sirve de nada se non se atende de xeito inmediato”, e que analiza a lentitude da tramitación por parte da Xunta de Galicia das axudas de Risga.

O borrador presentado aos grupos políticos para o seu estudo será tamén sometido ás asociacións para que presenten as alegacións, co obxectivo de que poida ser aprobado nun prazo de quince días. De xeito paralelo, consituise unha comisión de emerxencia con presenza todos os traballadores sociais do Concello de Ferrol, así como persoal de Inclusión Social e presidido pola concelleira. 

Beatriz Sestayo incidiu en que ata o momento, nesta lexislatura, as cuestións de emerxencia social ocupan o 80 por cento das demandas cidadáns a Servizos Sociais e teñen que ver en primeiro lugar con alimentos incluso para menores e en segundo lugar recibos de alugueiro e suministros eléctricos. Como exemplo do funcionamento da normativa actual, sinalou que tan só recolle a posibilidade de que se cubran dous recibos, polo que “é preciso máis flexibilidade para que as persoas non se queden sin casa” ou sin servizos. 

PLAN ESTRATÉXICO DE SERVIZOS SOCIAIS 

Esta mesma tarde terá lugar unha primeira xuntanza con entidades socio-sanitarias de Ferrol, como punto de partida das conversas a partir de setembro do Plan estratéxico de servizos sociais, que “ten que supoñer un cambio drástico dos servizos sociais, fronte á concepción de caridade que había ata agora haberá un cambio drástico, agora estamos nunha fase de contención ante as situacións desesperadas” e pasarase a “un sistema de estructuración con persoal suficiente en servizos sociais”.

Tan só no que vai de mandato, a concelleira resaltou que xa se teñen paralizado ata 11 desafiuzamentos na cidade, cun traballo de “contención urxente” para facer fronte ás constantes demandas de axuda que chegan ao Concello.

COBERTURA DE VACANTES 

Ante isto, procederase a cubrir por proceso de urxencia as vacantes de servizos sociais e da Casa de Acollida, con dous traballadores en cada un dos casos. Ademáis, estudarase a contratación dun educador social. 

Así mesmo, ante a situación “tensa” que se vive na Casa Solidaria, na que se teñen incluso rexistrados algúns episodios violentos, reforzarase e reorganizarase o persoal da área que atende a poboación correspondente. 

RECORTES DA XUNTA NO PLAN DE DROGAS

Doutra banda, Beatriz Sestayo avanzou que xa solicitou unha reunión coa Xunta de Galicia, tras a supresión do plan de drogodependencias que conleva que si Ferrol recibía fai cinco anos 135.000 euros, neste último ano tivo apenas 20.000 euros para compartir con Neda. 

“Trasladaremos tamén unha queixa polo condicionamento de compartir con outro Concello a concesión dunha axuda pírrica para o plan de drogodependencias de Ferrol, na súa manía de situar na axenda a fusión de Concellos, a Xunta condiciona a concesión de axudas”. 

Á Xunta de Galicia tamén se solicitarán subvencións para o Plan de Inclusión Social para buscar itinerarios de inserción para usuarios do Risga, e para atención xurídica e social na Oficina de inmigración. 

VECIÑOS DESALOXADOS 

En canto á situación na que se atopan os veciños de Ferrol que tiveron que ser desaloxados do edificio número 11 da rúa Sánchez Calviño o pasado martes como medida de precaución polas gretas que presentaba o inmoble, Beatriz Sestayo explicou que seguen aloxados, en pensión completa, tres familias e un menor. Esta medida adoptouse, á espera de que se coñeza o dictamen dos informes urbanísticos, debido a que son persoas con dificultades económicas e nalgúns casos beneficiarios de axudas de emerxencia. 

23 de xullo de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.