O Concello de Ferrol evitará actos multitudinarios na superficie da praza de Armas debido ao seu deterioro
O Concello de Ferrol non realizará actos multitudinarios na praza de Armas, cumprindo así o que establece o informe elaborado polo arquitecto municipal, sobre os posibles usos, e que fixa que “non se autoriza a realización de ningún tipo de acto de pública concorrencia na superficie mentres non se execute a correspondente reparación estrutural”.
A concelleira de Urbanismo, Movilidade e Planeamento, María Fernández Lemos, explicou en rolda de prensa, celebrada tras a Comisión de Urbanismo, que este informe técnico foi solicitado para determinar os posibles usos da superficie da praza, e debido á existencia dun informe previo, encargado polo anterior goberno municipal, que alertaba do seu deterioro.
O informe do arquitecto municipal, de data de 17 de xullo, sinala que “non se autoriza arealización de ningún tipo de acto de pública concorrencia na súa superficie mentres non se execute a correspondente reparación estrutural”. Fai referencia ao informe técnico redactado o 23 de marzo e que recolle que é preciso realizar unha reparación estrutural de forma previa á realización de actos de pública concorrencia.
Este informe previo fóra encargado ao arquitecto Juan Pérez Valcárcel, catedrático de Estruturas, e foi recibido na administración municipal o pasado 23 de marzo. Neste informe determínase que “o edificio presenta un forte nivel de deterioro e está ao final da súa vida útil”, se ben é decisión da propiedade se compete rehabilitalo, ou ben demolelo e substituílo por outro edificio ou praza.
Dado que “os danos observados son importantes e esixen unha intervención inmediata” é “imprescindible” proceder ao apuntalamento do sótano e mantelo ata a realización de reforzo. Precisamente, indica que o reforzo debe realizarse “de forma urxente e inmediata, incluso aínda que se prevea a demolición do edificio a medio prazo”, porque hai que “garantir a seguridade a corto prazo”.
As obras de apuntalamento ás que se refire o informe non se realizaron ata o 23 de abril, lembrou a concelleira. Nese período a praza acolleu actos multitudinarios como a celebración da Semana Santa, pero ante a recomendación, a partir de agora non se realizarán actos masivos ata que se proceda a súa reforma.
María Fernández Lemos explicou que o obxectivo do goberno local é acometer “unha actuación integral” na praza. “A solución temporal de apuntalar e seguir utilizando o aparcamento é iso, algo temporal, pero hai que tomar unha decisión para abordar a execución integral, dada a gravidade do asunto e que aumentará co tempo, polo que o uso para eventos multitudinarios non é correcto, o entendo eu e o técnico municipal”.
“As conclusións do informe teñen a gravidade que todos sabemos e penso que é necesario restrinxir o uso da praza”, engadiu.
A Concellería de Urbanismo conveniará co Colexio de Arquitectos de Galicia a convocatoria dun concurso de ideas para abordar a reforma integral da praza de Armas. Espérase que, cos prazos administrativos establecidos, 2as obras non poidan comezar ata dentro dun ano”.
A reforma integral, indicou a edil de Urbanismo, basearase no resultado do concurso de ideas, se ben os estudos dispoñibles fixan que non é preciso manter o aparcamento da praza de Armas para garantir a movilidade da cidade e a aposta “é non facelo”.











