O Concello de Ferrol converterase en coprodutor artístico da cultura local
O Concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, compareceu este martes perante dos medios para facer balance das seis asembleas culturais -unha xeral e cinco sectoriais- celebradas este mes de xullo no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol para dinamizar a cultural local a fin de facer das rúas “un campo de axitación cultural”.
Basterrechea explicou que a participación do tecido local nestas asembleas convocadas a iniciativa do Goberno local foi “abafante e moi produtiva” e cristalizou nunha tormenta de ideas da que xorden moitos proxectos para o mandato como a posta en marcha dunha Escola Municipal de Arte, que pasa por ser un dos obxectivos do mandato, e que xa está a coller forma a través do traballo dos técnicos de Cultura.
Outro dos aspectos destacados é o compromiso de Cultura de participar, activamente, na coprodución dos espectáculos artísticos e de transformar os espazos expositivos en lugares de traballo e creación, en concreto e por exemplo, a parte mais antiga do CTB.
O compromiso de traballar, cóbado con cóbado co tecido cultural da cidade, terá o seu reflexo nun concurso de proxectos con reflexo nas partidas dos presupostos do 2016.
OBXECTIVOS: COOPERACIÓN NA PROGRAMACIÓN E IMPULSO AOS ARTISTAS LOCAIS
O obxectivo cultural dos vindeiros meses, expuxo hoxe Basterrechea, tamén pasa por estreitar vínculos co Concello de Narón no eido cultura para ser complementarios no canto de competencia a hora de programa espectáculos,e por empurrar o traballo dos artistas locais dentro e fóra da cidade.
Outra liña de traballo pasa por transformar os espazos de exposición en lugares duais, onde a creación e o traballo artístico tamén teñan cabida, asi como en abordar espazos públicos que non eran habituais para facer deles un lugar no que a cultura, en todas as súas manifestacións, tamén teña un epicentro no que reivindicarse ante o público.
“Hai que abordar espazos que non eran os habituais. A cultura non pode nin debe estar pechada, e as veces, non é unha cuestión de cartos. Ten que saír as rúas a buscar o seu público”, manifestou Basterrechea, moi satisfeito do resultado de seis asembleas “a custe cero” que foron “mais estimulantes” para cultura local “que os catro últimos anos”.
Por último, o concelleiro de Cultura, Ensino e Universidade, adiantou que o contrato que actualmente mantén en mans privadas a xestión do CTB non terá continuidade -unha vez que expire no 2016- e a competencia do recinto (exposicións, transporte e montaxe) retomarase con medios públicos.
As asembleas culturais terán continuidade en setembro xa plasmando en documentos as demandas e os proxectos a executar.











