O Concello de Cangas prepara un plan xeral de actuación para tráfico
O alcalde de Cangas e responsable de Policía, Xosé Manuel Pazos, xunto coa Tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos, MercedezGiráldez, e o xefe da Policía Local, Alberto Agulla, reuníronse hoxe para coordinar as actuacións en materia de tráfico e a sinalización viaria e establecer un plan xeral de actuación que afectará a diferentes aspectos do tráfico.
Neste mes, a súa prioridade será a vixilancia dos accesos ás praias, tendo previsto actuar de inmediato na praia dos Alemáns para retirar as pedras que dificultan o acceso de emerxencias e colocar no seu lugar sinais de prohibición que vixiará a policía.
Por outra banda, van manter o plan de actuación das fins de semana que afectan ao resto de praias de Hío e Aldán e a vixilancia de saída do cruce de Vilariño que establece o convenio con tráfico (a Garda Civil ten a do Viso).
Nos vindeiros meses, estableceranse campañas de prevención de accidentalidade e de estacionamento nas que actuarán periodicamente, das que serán debidamente informados os veciños con anterioridade, e afectarán a: pasos de peóns e beirarrúas; áreas de discapacitados; zonas de carga e descarga e servicios públicos; ouao casco vello. Pretenden deste modo establecer un plan xeral de actuación en materia de tráfico que non existía ata agora e que os veciños saiban puntualmente cando e onde se vai actuar, acompañados de campañas de sensibilización para condutores e usuarios da vía.
Con relación ao casco vello, van estudar a posibilidade de modificar a ordenanza para facela máis práctica e efectiva, con apoio de medidas de sinalización que melloren a situación actual. Pretenden reducir os trámites tanto para veciños á hora de solicitala como para provedores e comerciantes.











