O Concello de Bueu adxudica o servizo de axuda no fogar á empresa Idades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Despois de valorar as ofertas e clasificar as empresas coa celebración de dúas mesas de contratación para a apertura do sobre B coa oferta económica, o Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) foi concedido a favor da empresa Idades por acordo da mesa celebrada o 24 de xuño e na que se estudou as sete ofertas presentadas.

Así, esta empresa será a encargada do servizo durante dous anos prorrogables a tres. O orzamento destinado para o SAF de dependencia é de 135.881 euros ao ano, e de 30.440 euros en SAF de libre concorrencia. Ademais, inclúense melloras como limpezas extraordinarias, atención psicolóxica e de educación social, atencións podolóxicas, de fisioterapia e terapia ocupacional e outras atencións.

O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local, consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento no seu contorno habitual. Estará aberto a todas as persoas, aínda que de xeito particular, para a atención de persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores, en que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.

2 de xullo de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.