O Concello da Laracha adxudicará catro proxectos que suporán un investimento 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha ten previsto adxudicar na próxima sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que se celebrará o vindeiro xoves catro proxectos que suporán un investimento total próximo aos 400.000 euros. En todos os casos trátase de actuacións dirixidas á mellora das infraestruturas públicas nas parroquias, é dicir, en zonas rurais.

As obras previstas están incluídas no Plan de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) e no Plan de Aforro e Investimento (PAI), polo que serán cofinanciadas polo Concello da Laracha cunha achega económica procedente de fondos municipais e pola Deputación Provincial da Coruña. 

Con cargo ao PAI o Concello construirá as novas prazas públicas das parroquias de Lemaio e de Soutullo, creándose ambas en parcelas de titularidade municipal que foron adquiridas precisamente para esta finalidade. 

A área de descanso de Lemaio terá unha superficie de 5.500 metros cadrados e situarase nas inmediacións da igrexa de Santa Mariña e o cemiterio. A actuación proxectada contempla a pavimentación con formigón e celosía de céspede, acadando o dobre obxectivo de facilitar o tránsito a pé e rodado, pero permitindo o crecemento de vexetación para reducir o impacto visual. Tamén se inclúe a creación de zonas verdes con árbores autóctonas, a ampliación do ancho da estrada para unha maior seguridade viaria, o soterramento da liña de baixa tensión e as canalizacións para os servizos de rego, recollida de augas pluviais e iluminación pública. 

No caso de Soutullo a praza, duns oitocentos metros cadrados, crearase nas inmediacións da igrexa de Santa María. O pavimento tamén será de formigón e celosía de céspede e contémplase a creación de áreas verdes con vexetación autóctona xunto á fachada posterior do cemiterio. 

En ambos casos as novas prazas públicas crearanse en zonas que son puntos de encontro de referencia para os veciños desas parroquias. As actuacións que se realizarán serán respectuosas co entorno no que se sitúan e garantirán a plena accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Estes espazos públicos poderán ser empregados para diversos usos: área de esparexemento, zona de aparcamento de vehículos e lugar de celebración de actividades e eventos, entre outros.

Por outra parte, con cargo ao POS acometeranse obras de mellora da rede viaria en estradas municipais pertencentes a dez núcleos das parroquias de Cabovilaño (vías A Braña-Cardois-A Cacharra, A Braña-As Abeleiras, Xeriz-cruce de Nogán, A Teixoeira-Vista Alegre) e de Erboedo (accesos e núcleo de A Fontenla).

O obxectivo destas actuacións é facilitar os accesos rodados e aumentar a seguridade viaria nesas zonas.

18 de xullo de 2015 | 15:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.