O Concello da Coruña traballará para mellorar a accesibilidade nos espazos públicos para colectivos con diversidade funcional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, finalizou onte a rolda inicial de encontros con algúns dos colectivos vinculados a súa área que servirá para, en setembro, elaborar unha proposta de plan transversal de traballo. Na xuntanza deste mércores, a edil reuniuse con 42 persoas pertencentes a 20 entidades e colectivos relacionados co traballo da Diversidade funcional e/ou sensorial.

Segundo explicou Fraga, entre as principais demandas deste colectivo “está todo aquilo que ten que ver coa visibilidade e o empoderamento das persoas e do traballo das entidades ou colectivos deste ámbito”. Ademais, “fixeron especial fincapé nos problemas de accesibilidade, destacando a importancia de facer un esforzo dende a política municipal nos seus propios espazos e actividades”.

Outra das conclusións do encontro foi a necesidade e o desexo de facer un traballo conxunto e transversal que axude á maior visibilización deste colectivo. Entre as propostas que se debateron está a de crear un banco de recursos materiais de apoio para a autonomía persoal, fomentar a arte e a creación como ferramenta de participación en procesos de autonomía, incidir especialmente na visibilización da situación de desigualdade que viven as mulleres con diversidade funcional e/ou sensorial, ou a participación de persoas con diversidade funcional en actividades doutros colectivos.

Neste punto púxose como exemplo o voluntariado de persoas con Síndrome de Down para colaborar en actividades doutras entidades, asociacións ou incluso institucións, como a municipal. Rematada esta xuntanza da rolda inicial de contactos, en setembro, a Concellería de Igualdade e Diversidade espera poñer en marcha un plan transversal de traballo, cuxo desenvolvemento farase conxuntamente con todos os colectivos cos que contactou ao longo deste mes. Trátase, en concreto, de persoas e entidades vinculadas ao traballo en cuestión de xénero, de LGTBQI, migracións, diversidades funcionais e/ou sensoriais ou étnicas.

30 de xullo de 2015 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.