O Concello da Coruña reducirá este ano á metade o gasto en iluminación de Nadal
O Goberno municipal rebaixará este ano nun 50% o gasto en iluminación de Nadal, cun novo modelo de intervencións que dará prioridade aos “espazos representativos” en cada barrio da cidade, segundo anunciou este mércores o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. “É unha decisión económica, pero tamén por convicción. Farémolo máis ao gusto dos barrios; seleccionaremos os espazos con máis porte de cada zona e faremos intervencións que teñan máis empaque e tamén queremos chegar aos núcleos rurais, respectando a súa personalidade”, detallou o responsable municipal, que cifrou o gasto en iluminación dos últimos anos en 600.000 euros anuais. Dentro deste “novo concepto”, o concelleiro adiantou tamén que o Concello convocará un concurso popular de ideas para decidir a ornamentación e as luces da contorna do Obelisco.
Por outra banda, Varela avanzou algunhas das melloras que está a desenvolver o Concello na Mariña, onde se procederá a protexer o cantil coa colocación de bancos na zona dos parques infantís, para mellorar a seguridade, e onde tamén está previsto colocar zonas de sombra mediante “superficies téxtiles efémeras” (lonas). Do túnel do Parrote, o concelleiro lembrou que a obra supuxo un “grandísimo esforzo, polo que haberá que sacarlle todo o partido posible”, e subliñou que o Goberno local porá todo o interese en que o túnel quede “nun resultado óptimo de recepción”, en tanto que o mantemento correrá a cargo do Concello. En relación coa poza que se detectou no túnel de María Pita, o responsable municipal vinculouna ás obras de sectorización do túnel respecto ao parking, nas que se instalou unha esclusa metálica.
Ademáis, o Concello ten previsto atender á demanda veciñal e cambiar o nome do parque Ofimático por outra denominación que, segundo anunciou o concelleiro de Rexeneración urbana e Dereito á Vivenda, poderá estar baseada na toponimia da zona. “Trátase dun movemento simbólico para rematar con esa rémora”, indicou Varela, que insistiu no compromiso do Goberno municipal por protexer a integridade do núcleo de Elviña.
Noutro orde de cousas, o responsable municipal manterá mañá xoves unha xuntanza con responsables do Ministerio de Fomento para analizar o proxecto de remodelación da avenida de A Vedra. Varela anticipou esta mañá a súa aposta por “humanizar” este acceso e darlle pulo ao transporte público, o que posibilitaría “reducir a densidade do tráfico”. “A idea é que A Vedra se convirta nunha estrada, máis que nunha autopista”, sinalou.











