O Concello da Coruña propón rebaixar o custe dos convenios de promoción turística con compañías aéreas

Xulio Ferreiro na reunión con representantes da aeroliña
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, mantiveron reunións este martes con tres das principais aeroliñas que operan no aeroporto de Alvedro, e que posúen convenios de promoción turística co Concello.
En concreto, esta mañá, tanto Ferreiro como Lema reuníronse con representantes de Iberia e Globalia. Esta tarde, terá lugar o encontro con Vueling en dependencias do pazo de María Pita. Segundo explica Lema, o motivo destas reunións é revisar os acordos aparellados cos convenios de promoción turística deste ano. Para este exercizo, e neste tipo de publicidade, o anterior Goberno local proxectou un investimento de cerca de tres millóns de euros.
“A nosa intención é revisar estas cifras, tendo en conta o problema de liquidez que presenta neste momento o Concello derivado da anterior etapa de Goberno. Agora, o principal é atender de xeito preferente as medidas de tipo máis social”, explicou Lema.
“O que pretendemos, na medida do posible, é axustar estas cifras ás nosas posibilidades, aínda que, por suposto, entendendo o valor estratéxico que ten o aeroporto de Alvedro en si mesmo, e a importancia que ten o sector turístico nesta cidade”, indica o concelleiro de Emprego.
O responsable da carteira de Economía Social cualificou as reunións coas aeroliñas de “cordiais”. “Imos tentar rebaixar a cifra ligada aos convenios de promoción para este ano debido, entre outros factores, ás necesidades de liquidez, e iso as compañías o entenden”, dixo. “Teñen vontade de adaptarse a esta situación”, engadiu.











