O Concello da Coruña levará a pleno un modificativo de crédito para afrontar facturas do anterior Goberno e festas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Goberno municipal levará a próxima semana ao Pleno do Concello da Coruña un modificativo de crédito, tras pasar na mañá deste venres pola Xunta de Goberno Local. Segundo informou hoxe en rolda de prensa o alcalde, Xulio Ferreiro, é necesario “para poder pagar as facturas que había cando chegamos e que non tiñan crédito suficiente e para suplementar determinadas partidas necesarias, por un volume total total de 2,6 millóns de euros”.

Tal como explicou o rexedor coruñés, “este modificativo consiste nun axuste dos capítulos de gasto, especialmente os gastos de persoal, que se rebaixaron en medio millón de euros como resultado da redución de persoal de apoio do Goberno”. Ferreiro engadiu: “Ademais, existe unha redución de contratos que se consideran innecesarios nestes momentos”.

O alcalde coruñés tamén informou da falta de fondos que o anterior Goberno deixou para as festas de María Pita. “O crédito dispoñible para este apartado era claramente insuficiente, o que fixo que este Goberno tivese que realizar unha transferencia de crédito dende o Consorcio de Promoción da Música ao IMCE por valor de 550.000 euros”, sinalou. Tal como indicou, esta cantidade súmase a outras que proceden de transferencias internas do propio IMCE e de convenios e patrocinios con diversas entidades.

Ferreiro recordou aos medios que, na liña de transparencia que defende este Goberno, o orzamento final das festas darase de maneira detallada. “Cando se fagan todas as contratacións pertinentes, todo o mundo poderá ter acceso ás cifras de gasto. Daremos total transparencia con respecto as festas deste ano”, dixo.

31 de xullo de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.