O Concello da Coruña estuda pedir un crédito de 10 millóns de euros para solucionar a falta de liquidez
O novo goberno municipal da Coruña, dirixido por Xulio Ferreiro, estuda solicitar un crédito a curto prazo de 10 millóns de euros para “solucionar” a falta de liquidez que ten o Concello herculino derivada do “gasto irresponsable” do anterior goberno local, liderado polo popular Carlos Negreira. “Se non se acode a esta operación teriamos risco de acabar o ano cun remanente de tesouraría negativo”, advertiu, en rolda de prensa, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que fixo público un informe de Tesouraría, no que se aconsella unha “operación de Tesouraría” para cumprir o período medio de pago a provedores.
Respecto diso, a Marea Atlántica advirte que nos pasados meses de xullo, agosto e setembro o anterior goberno popular incumpriu o PMP (Período Medio a Provedores), polo que, “podería provocar consecuencias legais como unha eventual intervención de tutela financeira por parte da Xunta de Galicia”.
Ferreiro cualificou de “irresponsable” o ritmo de gasto realizado polos populares que ao seu xuízo se relaciona co período electoral. “Utilizáronse os recursos de todos para obter un rédito electoral e liquidouse practicamente o remanente de tesouraría”, comentou sobre a xestión do anterior executivo.
Para Ferreiro, nos catro anos de goberno do PP “foise rompendo o peto”, á vez que comentou que o PP coñecía a situación xa que o interventor e a tesoureira asinaron o 9 de xuño un informe neste sentido.
MODIFICATIVO DE CRÉDITO
Ante esta situación, o novo goberno local está a estudar unha operación de financiamento/tesouraría para tentar cumprir cos pagos pendentes dentro dos prazos fixados e posibilitar o cumprimento do Período Medio de Pago (PMP).
Pola súa banda, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, detallou que o crédito sería a pagar en 8 meses e que a operación de empréstito adxudicada o venres pola xunta de goberno local de 12 millóns de euros, cuxa tramitación xa se iniciou polo anterior Goberno local, irá destinado a pagar os investimentos incluídos no orzamento de 2015.
Así mesmo, o Concello da Coruña avanzou que procederá a variar o orzamento con medidas de contención de gasto “innecesario”, ademais de mellorar a recadación para garantir a solvencia e liquidez.
Para iso, someterán a pleno no mes de xullo a conformación do expediente de modificación orzamentaria e o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de ao redor de 3,7 millóns de euros.
“QUE NON SE PRECIPITE”
Pola súa banda, desde o PP pediron ao goberno municipal que non se precipite” pedindo un préstamo de 10 millóns de euros e recomenda ao novo executivo que “compase” os gastos cos ingresos.
En rolda de prensa, os concelleiros populares Roberto Coira e Rosa Gallego pediron á Marea que se deixe de “titulares” e xestione os ingresos do consistorio.
“Dedicáronse a pagar facturas pero non a xestionar ingresos”, criticou Gallego, que considera que a Marea está a tratar de “xustificar” que non vai cumprir co seu programa electoral en materia de xestión económica.











