O Concello da Coruña estuda a posta en marcha dun Espazo de Diversidade Sexual e Afectiva LGTBQI

Rocío Fraga na reunión cos colectivos
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, segue adiante cos encontros que está a manter con diversos colectivos, asociacións e persoas que pertencen a movementos vinculados a toda a súa área de traballo. Este martes, en concreto, reuniuse con sete colectivos LGTBQI. A rolda de contactos finalizará a semana que vén, e contra setembro, o Goberno local terá xa elaborado unha proposta de plan transversal de traballo.
Na reunión de onte valorouse a posibilidade de poñer en marcha dentro do Concello un Espazo de Diversidade Sexual e Afectiva LGTBQI, que “vaia máis alá de ser un mero servizo asistencial”. “O que se plantexou foi crear un espazo de visibilidade e traballo colectivo, dende o que se artellen parte das políticas de inclusión en dereitos humanos dirixidas a estas áreas”.
Por outro lado, a reunión cos colectivos LGTBQI serviu tamén para afondar no proxecto de acadar un Pacto Local/Social pola Coruña Libre de Violencias Machistas. Un proxecto no que xa se está a traballar e que culminará o seu primeiro estadio en novembro, coa elaboración dun documento marco ao que se poderán adherir todo tipo de entidades e que será o punto de partida para traballar durante todo o mandato.
E é que unha das bases fundamentais de traballo da Concellería de Igualdade e Diversidade está na transversalidade. De feito as reunións con diversos colectivos que está a levar a cabo a concelleira Fraga é unha primeira toma de contacto, xa que o obxectivo é que, con posterioridade, “se actúe en base a políticas de traballo, máis que en función das identidades de cada colectivo”.
De feito, Fraga destaca que estas reunións están abertas a toda a sociedade. “Cando facemos unha invitación para estas xuntanzas, explicamos que o colectivo tamén é libre de propoñer a visita a outras asociacións ou persoas que poidan ter algo valioso que aportar”, indica a concelleira.
Por outro lado, na reunión con asociacións LGTBQI, falouse tamén da necesidade de traballar con este colectivo superando as datas simbólicas do calendario. “Temos que ir máis alá. Por suposto que haberá actividades máis concretas en datas importantes, que teñen maior visibilidade, pero se debe superar ese concepto”, indicou a concelleira.











