O Concello da Coruña convida á cidadanía a gozar dunhas festas “libres de violencias machistas”

Presentación da campaña
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou este venres a campaña “Por unhas Festas Libres de Violencias Machistas”, que busca concienciar á cidadanía para “gozar do ambiente festivo estival nun marco de convivencia en igualdade e libre de violencia sexista”.
Para que a campaña chegue a todos os veciños e veciñas da cidade, así como a aquelas persoas que se acheguen até o concello, editáronse carteis que se distribuirán en puntos estratéxicos, así como folletos para repartir xunto co programa de festas. Ademais, as redes sociais da Concellería de Igualdade e Diversidade (facebook.com/igualdadecoruna e @igualdadecoruna, en Twitter) inaugúranse con esta campaña. “Consideramos imprescindible o uso das redes sociais para chegar a todos os públicos aos que pretendemos chegar”, indicou Fraga, na rolda de prensa que ofreceu ante os medios.
A concelleira recordou que o Goberno local ten o compromiso de colaborar con todas as institucións públicas e axentes sociais do municipio para traballar en conxunto e facer da Coruña “unha cidade libre de violencias machistas”. Fraga recordou que a súa concellería traballa para ter lista de cara ao outono “unha proposta de pacto social nesta materia”.
“Cremos que aportar solucións contra a violencia sexista é unha responsabilidade social de todas as persoas e institucións os 365 días do ano. Ademais, cremos que non debemos conformarnos con definicións básicas de Violencia de Xénero, identificándoa só coas agresións terribles que sufrimos as mulleres vinculadas ás relacións sentimentais e que está asasinando a ducias de mulleres no noso país e no estado. Esa é a punta do iceberg”, sinalou a concelleira.
Tal como explicou Fraga, dende o Goberno municipal acordouse promover campañas de concienciación, “incentivando a apertura de espazos de convivencia entre iguais, especialmente a través do reforzó dos recursos de atención ás situación de violencia machista”.
A campaña que lanza o Goberno local ten ademais como obxectivo visibilizar os servizos da Concellería de Igualdade e Diversidade. “A nosa intención é poñer en valor os equipos de traballo que hai, pola gran valor de realizan no marco da promoción da Igualdade e a Diversidade, así como a loita contra as Violencias Machistas”, dixo Fraga. Os servizos adscritos actualmente son o Centro de Información á Muller (CIM), o Centro de Orientación Familiar (COF) e a Unidade de Asesoramento a Migrantes (UAMI). “O resto de servizos que se conformen dende a concellería irán na mesma liña”, rematou Fraga.











