O Concello da Coruña concienciará á cidadanía das vantaxes do comercio de proximidade

O alcalde da Coruña na reunión con representantes das asociacións comerciais
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, reuníronse a mañá deste xoves con representantes de preto de 20 asociacións do comercio coruñés no salón de plenos do pazo de María Pita, nunha xuntanza que tivo como obxectivo coñecer as inquedanzas do sector dende o prisma dos seus protagonistas. Trátase da segunda vez que o rexedor coruñés recibe no salón de Plenos a un colectivo destacado da cidade (hai dúas semanas mantivo un encontro coas diversas asociación veciñais), coa intención de poder coñecer a súa opinión e de fomentar mecanismos de maior participación.
Na cidade da Coruña hai rexistrados 4.873 negocios, dos que máis dun 80% teñen carácter minorista, ao non ter máis de tres empregados. O rexedor coruñés explicou que o fomento dese tipo de comercio é “fundamental” na súa acción de Goberno. “O comercio de proximidade é, e debe ser, clave no desenvolvemento da cidade, xa que crea empregos e cohesión social. Para nós vai ser importantisimo poder dar o seu sitio a esta actividade, aínda que somos conscientes das dificultades que ten, debido á competencia feroz con multinacionais e grandes superficies comerciais”, dixo o alcalde.
“Non sempre o consumidor é consciente das vantaxes do comercio local. Nós estamos tomando medidas para favorecer tanto o comercio como a hostelería local pero é importante que as políticas de emprego e de promoción conten coa cohesión de todos os sectores”, explicou Ferreiro que, engadiu: “Este encontro serve hoxe para ser unha declaración de intencións de apoio ao comercio da cidade”.
“Temos que levar a cabo políticas para fomentar o comercio de proximidade, para atraer o turismo, pero sen olvidar o tecido de barrio”, manifestou Ferreiro, que aposta porque o verdadeiro “revulsivo” no comercio local sexa a veciñanza da Coruña.
Pola súa banda, o concelleiro de Emprego, Alberto Lema, invitou aos representantes das asociación de comerciantes a buscar “puntos de encontro” co Concello para poder artellar políticas de fomento do sector. Ademais, se creará unha nova mesa sectorial, para que estes profesionais poidan expresar a súa opinión.











