O concelleiro de Ensino reúnese coas direccións dos colexios públicos de Cangas

Reunión do edil cos directores dos centros
O concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C. Chillón, e a concelleira de Obras e Servizos, Mercedes Giráldez, mantiveron onte mércores unha reunión cos directores dos colexios públicos de Cangas: CEIP A Rúa (Coiro), CEIP Espiñeira (Aldán), CEIP Castrillón (Coiro), CEIP Nazaret (Cangas), CEIP O Hío e CEIP San Roque (Darbo).
Ambas concellerías actuarán coordinadas. A concellería de Obras e Servizos será a encargada de xestionar e coordinar as actuacións das necesidades xunto coa técnica aparelladora e a Brigada de Mantemento. Comprométense así mesmo a realizar as tarefas de desbroce e a revisar a carpintería, electricidade e fontanería antes do inicio do curso, o vindeiro 10 de setembro de 2015. Ademais, prevén coordinar e consensuar as necesidades prioritarias de obras de infraestrutura dos distintas colexios a fin de xestionar diante das distintas administracións, fundamentalmente da Xefatura Territorial de Pontevedra – Xunta de Galicia -.
Con respecto aos comedores escolares, informouse do previsible calendario do novo convenio entre a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e o Concello de Cangas nos centros de A Rúa, Espiñeira, Nazaret e O Hío, así como o prego de condicións, convocatoria de axudas de bonificacións e resolución das mesmas. O concelleiro agarda que esta primeira quincena de xullo se confirmen os anuncios efectuados verbalmente a finais do pasado mes de xuño.
Na xuntanza informouse da renovación do Consello Escolar Municipal prevista para a primeira quincena do mes de setembro de 2015 e convocatoria do mesmo na segunda quincena do nomeado mes. Ademais acordaron analizar e valorar o actual servizo de persoal laboral municipal de conserxería e limpeza co fin de estudar medidas a fin de mellorar a calidade dos mesmos.
Outros temas que se trataron na xuntanza foron: os planos de autoprotección, emerxencia e evacuación; camiños e seguros; charlas e xornadas educativas; campaña en defensa e potenciación do ensino público; educación en valores do alumnado; sensibilización medioambiental; integración e discapacidade;etc.











